miércoles, 20 de junio de 2007

O Home do Chapeu e do Abrigo Longo (II)

Kat e Nico levaban unha hora agardando por Helena. Ao final chamaron ao número da casa a ver qué ocorría.
O teléfono espertou a Helena, que atopou o piso revolto: alguén viña de rexistralo todo, e marchar. Explicándollo aos seus compañeiros decidiron repartirse dalgún xeito: Kat subiría até Cinco Calles a axudar a Helena. Samuel, xa remendado do corte, ofrecéuse a acompañala por se había problema. Sen perder un intre chamaron á policía para face-la denuncia.

Nico decidíu quedar con Isis, que xa estaba nunha habitación recuperándose durmida. Falando co médico que a atendeu (seguidor de Alien, por certo) enteróuse de que a ferida que tiña a pobre rapaza era debida a un corpo estrano preto do estómago: un trozo de cristal que ben podía ser de un espello. Ensinóullo a Nico por se lle sonaba de algo... igual foi un intento de suicidio ou un accidente deses raros que ás veces pasan. Pero o médico o tiña claro: o cristal estaba metido no corpo e, debido a algo (un movemento peristáltico ou así) comezóu a ser expulsado ao exterior. Nico quedou estupefacto. Cando quedou a soas con Isis a mirou un intre preguntándose a si mesmo quen era esta estrana rapaza. Logo decatóuse de que o médico deixara o trozo de cristal metido nun tarro con alcol enriba da mesiña auxiliar. Sen perder tempo foi ao cuarto de baño, partíu un trozo do espello que alí había e deu o cambiazo. Aquilo tiña algo que ver co espello do piso de Cinco Calles, e Nico estaba disposto a furgar até onde fixera falla para calma-la súa sede de emocións. Namentres Isis durmía soños en desacougo.

En Cinco Calles Helena atendía a dous policías... dous policías dos típicos de Compostela. Cando chegaron Samuel e Kat e viron o piso revolto quedaron bastante sorprendidos. Tras dunha inspección superficial comprobaron que non faltaba nada, pero que sobraban un par de cousas. Baixo a cama de Isis había unha figuriña moi parecida a unha venus de Willendorf. Kat colléuna e agachouna da mirada dos policías. Helena, pola súa parte, percatouse de que baixo a alfombriña da entrada había algo... resultaba ser un naipe, unha carta de tarot de non menos de cen anos que representaba ao Aforcado, pero o nome que lle poñía era O Tolo... Os policías a recolleron como proba.

Kat foi ao hospital a quedar con Isis, e así Nico puido volver ao piso a descansar. Samuel acompañouna durante un ratiño, pero logo voltou cara o seu piso. Polo que deducíu, o home que o visitara pola mañán e o home que atacara a Helena eran de seguro a mesma persoa.
Estaba nestes pensamentos cando chegou ao seu piso... a porta estaba entreaberta. Samuel entrou con moito coidado, asomando a cabeza e con moventos moi precisos para non facer ruido. Ao fondo, no salón-comedor que daba á Rúa do Vilar, había alguén. Samuel metéuse no salón dos trastos e alí se acubillou. A figura, con pasos pesados, moveuse cara aló. Samuel dacatóuse de que aquela habitación non estaba remexida nin desordeada (non máis do que xa estaba, alomenos). Atento á porta da habitación, víu como unha cachola tapada por un sombreiro anos '50 asomaba. Anos facendo artes marciais dábanlle a Samuel unha vantaxe táctica: con todas as súas forzas descargou un potente cobadazo en toda a mandíbula.

Foi como bater contra unha parede de granito. O brazo durméuse durante uns segundos coa dor, pero Samuel reaccionou e tentou saír pola porta do piso. Non o conseguíu. O Home do Chapeu e o Gabán Longo o agarrou polo pescozo e o levantou no aire... "Onde está!? Teño que tela ou non poderei regresar nunca! DAME O ÉIDOLON!". Pero entón algo sucedeu: a man do Home comezou a afumear, e soltou a Samuel. Foi coma se o contacto directo con el lle fixera dano. Samuel tentou atacar de novo, só para ver coma o Home lle daba un golpe directo co antebrazo na faciana, erguéndoo no aire e caendo de costas. Con chispiñas nos ollos, Samuel víu como o Home saltaba atravesando a galería, caía uns 15 metros, paraba no chan de pé e botaba a correr en dirección ao Toural. Logo todo foi escuridade.

Kat estaba lendo un pouco, pero sempre atenta a calquer respingo de Isis, calquer movemento. Pasaba follas do seu libro sobre sociedades secretas buscando algo que relacionara todo o que lle estaba a acontecer. Era como vivir outra vida, decatarse de que ou estás definitivamente tolo, ou de que ti es o único cordo que queda. E de súpeto mirou pola cristaleira. A habitación comunicaba co pasillo pola porta e por unha longa cristaleira con marcos de aluminio... Kat víu como a xente do outro lado comezaba a andar moi, moi, moi lentamente... ao final todo esmoreceu, as luces de fóra apagáronse e xa non se vía a ninguén. A porta abríuse, entrando un home alto, de chapeu anos '50 e gabán longo. Mirou para Kat e dixo: "Durme". Kat sempre foi unha rapaza moi forte, pero aquela orde tirou con ela ao chan. Aínda así, cun esforzo extremo, conseguóu manter os ollos abertos. Pero aquilo foi peor: víu como o Home lle metía a man a Isis pola ferida aberta, saltando os puntos e fozando no seu interior, coma quen busca algo nunha bolsa. Logo percatóuse no frasco co anaco de espello enriba da mesiña e sorríu. Colléuno e marchou.
Canto Kat volveu en si todo estaba normal: Isis durmía, ela estaba no sofá... xa está, un soño. Quedei durmida un intre e o soñei. Pero logo mirou cara a mesiña: o frasco co espello non estaba.

No hay comentarios: