martes, 18 de diciembre de 2007

Devoradores de Soños II

Pensando varias liñas de acción, acordaron que a mellor, ao final, era entrar ás bravas.

Non había rastro de ningún lobo nin de ningún "oniróvoro", fose iso o que fose. Mirando cara a fiestra do piso onde, segundo os soños, estaba a nena, Nico tentouse transformar en dragón e voar aló. Non o conseguíu. Si se transformou Helena, nun escuro corvo. Nun plis chegou a ver a fiestra, e á nena durmindo, e un par de ollos vermellos brillando baixo a porta do seu dormitorio. Cun longo berro avisou a Samuel e Nico. Este último, forzando a súa vontade ao máximo, logrou transformarse á fin nun dragón humanoide de case dous metros de medio. Samuel (que recollera os dous bonecos da basura) agarróuse a el e comezaron o ascenso, que partíu cun inmenso impulso das ás de Nico.
Cando chegaron á altura do piso viron que ques sería case imposible abrir os enormes ventanais así que o dragón cargou contra eles. Os cristais partiron en mil anacos, pero nin a nena nin os pais (que se podían ver ao outro lado do pasillo vendo a tele... unha tele que puña de maneira repetida tan só mensaxes coma "SE OBEDIENTE", "DOBRÉGATE", "NON RESPOSTES", "NON PENSES") se decataron de nada. Nico e Samuel prantaron cara ao inmenso lobo despeluxado de ollos vermellos e terribles que entraba pola porta da habitación. O Oniróvoro ensinou as enormes filas de dentes e sorríu. Só cando víu aos "gardas" da nena dubidou un intre.
Ollou longa e detidamente cara o mozo que o encaraba, armado cun broquel e cunha gladius e cara o dragón humanoide que lle ensinaba os cairos. Un corvo de ollos amarelos sobrevoaba a habitación. Os dous "gardas" adquiriron vida ao instante e se colocaron onda a cama da nena.

Helena, en forma de corvo, saíu pola fiestra voando en dirección cara as antenas da azotea, para tentar corta-la transmisión coa súa katana. Atopou aló a dous cans sen pelexo que custodiaban as antenas: tivo que loitar contra eles a espadazo limpo.

O Oniróvoro saltou a por eles: Nico usou as súas gadoupas para tentar agarralo e Samuel, protexéndose dos dentes da criatura co broquel, cravou a galdius contra o seu lombo.
Como en calqueira combate onde a vida está en xogo, ningún dos dous mozos sabería dicir canto durou aquilo. Só descubriron o corpo en descomposición do Oniróvoro ante eles e as súas armas, gadoupas e dentes manchados co seu sangue: a criatura estaba morta. Só un fume escuro que pronto desapareceu quedou de tal ser. Nin a nena espertara, nin os pais parecían acordar.
Helena despachou sen dificultade aos ous cans e logo chamou aos outros. Tentaron corta-lo cable da antena sen éxito. A marca da mesma era MantyCore.
De novo no piso Nico decidíu que había que rematar con esas mensaxes na tele do único xeito posible: coa súa monstruosa forma irrumpíu no salón e arrincou o cable da televisión da parede e logo derrubou a tele contra o chan. Os pais sufrían algún tipo de transtorno mental... tan pronto perderon a conexión coa tele (que parecía ter tóda-las respostas) quedaron como catatónicos e perdidos, mesmo ante a presenza dos tres mozos en tales circustancias.

Só Uxía, a nena, despertou. Mirou para eles dende a cama e dixo "Eh, eu coñézovos! Soñei con vós!" e colleu un debuxo que tiña baixo a almofada: efectivamente no debuxo víase a unha especie de guerreiro ou paladín, a un home-dragón e a unha muller corvo. Os tres sorriron e logo a arrouparon para que seguise a durmir.

Logo, sen máis, marcharon coa tarefa feita.

miércoles, 12 de diciembre de 2007

Devoradores de Soños I

Os tres espertaron esa mañán de venres desfeitos, pero cunha agradable sensación no corpo.
Despois dun lixeiro almorzo retomaron as súas vidas: Samuel foi ao traballo en Historia, Helena á facultade de Filosofía en Mazarelos e Nico... ben, Nico estaba "oficialmente" de baixa, así que durmeu un chisco máis.

Ao final erguéuse e foi ao Banco de Compostela. Alí estaba aquel home baixo, gordo e con cara de rato que tanto se parecía ao señor Bombín, pero que non o era. Nico estivo un rato longo falando con el, sobre todo do seu investimento en "tempo". Ao parecer os valores ían moi ben, e comezaba a ter un lixeiro beneficio. Nico preguntou polo señor Bombín (o home do banco chamáballe Señor Amalgama, aclarou) pero seica non estaba. Tamén comentaron cousas da viaxe á Compostela Oculta. O señor que se parecía ao señor Amalgama falóulle de certa tenda que só abría ao serán, unha tenda onde poderían atopar certos compoñentes e materiais afíns á súa nova condición. Estaba nunha praza interior entre as dúas Algalias.
Nico marchou entón do banco, coa estrana sensación de que meterlle un bo mordisco ás barras de ouro que tiñan colocadas perto da caixa de rexistro sería moi saborento. Pasóulle volvendo á casa... paraba en calquer escaparate de acibecheiros e prateiros para mirar as xoias, como quen mira unha selección de fiames e queixos. Era moi estrano. De paso que saíu foi ao museo de Historia Natural de Santiago, no Campus Sur. Deu un par de voltas por dentro e atopou o ovo do que lles falara O Mestre: "atopado nunha cova perto da praia de Doniños; arredor de 75 millóns de anos". Comprobou que para sacalo dalí poñendo como excusa unha investigación en Farmacia levaría alomenos un mes de papeleo. Aínda así, botando un ollo, non víu demasiadas medidas de seguridade alén da porta principal do edificio e algunha cámara medio perdida.
Foi á compra e preparou un xantar para os seus amigos. Lembrou entón, facendo a comida, que tiña no seu pequeno laboratorio portátil unha pepita de ouro. Foi até ela e, case sen pensalo, comeuna. E, curiosamente, sentóulle moi ben, e súpolle aínda mellor.

Despois dunha mañán aburrida, Samuel e Helena voltaron á casa. Nico servíulles o xantar e falaron un chisco de todo o que ocorrera. Era como se falaran de algo moi cotián. Logo dun bo xantar e duns cafés e tés, foron botar unha sesta.
Os tres soñaron cousas afíns: un bloco de edificios... en Compostela pero fóra do que era o centro... un edificio alto, duns dez pisos... un enorme e horrible ...lobo? asexando entre a herba cos ollos de vermello aceso e os dentes enormes en filas coma un dun tabeirón... unha nena na súa cama... uns pais vendo un televisor cheo de mensaxes estranos: Sede Servís, Non Protestedes, Non Pensedes, Obedecede, Non Miredes...
De súpeto o lobo estaba no piso... entraba na habitación da nena, que durmía... entón dous bonecos (un rato de cor azul recheo de algodón e unha boneca chochona de mofletes encendidos) se puñan en pé dun salto e encaraban á criatura... forzábana a saír da habitación, pero ésta, cun sorriso torto, miraba relaméndose para a nena mentres marchaba.
O soño continuaba ao día seguinte, co pai explicándolle á nena (que non tiña máis de nove anos), que xa era maior para ter xoguetes por toda a habitación, e que había que se desfacer deles. O lobo, oculto entre a herba, sorría de novo.

Nico, Helena e Samuel espertaron a un tempo. Eran sobre as sete e pico da tarde. Cometaron os detalles dos seus soños e concatenaron informacións: ao parecer o bloco de pisos estaría situado máis ou menos por Salgueiriños, fronte o antigo Mercado de Gando.
Debatiron sobre se ir xa ou non. Parecía que esa criatura puña en perigo a vida da nena... Estarían de volta no mundo para eliminar a eses seres? Pero Nico tamén tiña curiosidade por ir á tenda entre as dúas Algalias. Ao final resolveron pasar rápido pola tenda e logo ir en bus (menudos heroes) até Salgueiriños.

A tenda estaba, en efecto, entre as dúas Algalias, case fronte os xulgados. Había que fixarse ben para atopar a entrada a esa praza interior, pero alí estaba. Na esquina máis afastada había unha porta de madeira moi vella, sobor da cal colgaba un letreiro que puña "O Curruncho do Mago". Cando entraron na tenda cuberta de pó e chea de todo tipo de obxectos (armas, globos do mundo, roupas, libros, pergameus, brúxulas, astrolabios, armaduras...) un home delgado de faciana afiada e gafas finas de pasta, co pelo revolto e unha túnica púrpura de mago (desas cheas de lúas e estrelas) apareceu de entre un montón de cousas que había no chan cun enorme e sentido "Benvidos á casa do porder suporemo onde todas as preguntas poden ser repostadas... Abride a vosa mente e viaxade a outros Mundos Posibles que están aquí mesmo". Sorprendidos, os tres mozos comentaron que xa estiveran nun deses mundos, e que o señor do banco os mandara até eiquí. Falaron moito co propietario da tanda, de nome Abelardo, e mercaron un par de obxectos (Nico un vademécum de alquimia e Samuel un libro sobre viaxes a outros Mundos) e pasaron follas a un par de libros curiosos. Consultando sobre ese ser "lobuno" que viran no soño, viron que se trataba dun ser chamado Oniróvoro. Estas criaturas se encargaban de roubar os soños aos nenos, e así rematar transformándoos en adultos. Só os "gardiáns" protexen a estes nenos e a estes soños. Pero co tempo os "gardiáns" desaparecen e o Oniróvoro ten vía libre.
Non podían permitilo. Colleron o autobús en San Roque e baixaron en Salgueiriños. Eran xa as nove e pico da noite.
Pouco tardaron en recoñecer o bloco de pisos: nada máis velo souberon cal era. Ante o alto edificio había un gran contedor de basura. Dunha bolsa de plástico que sobresaía viron que asomaba unha perna de plástico. Abriron a bola e no seu interior atoparon o rato xigante e a boneca chochona: estes debían ser os seus "gardiáns". Miraron cara o sexto piso, aquel onde (segundo o soño) vivía a nena, con temor nos seus ollos.

Na súa cama, a pobre e confiada Uxía, estaba desprotexida.