lunes, 29 de octubre de 2007

Posicionamentos

Samuel e Helena ían diante, xunto co Licenciado e con Gastón, falando de todo un pouco (a Samuel parecéulle curiosa a arma, parecida a un enorme trabuco, do Licenciado). Nico ía detrás, moi pálido e con mala cara, acompañado polo home-gato negro e branco.

Cruzadon de novo a rúas dos Pregóns, así como o mercado circular, máis cheo de xente que antes. A casa de Gastón era algo máis arriba deste mercado, nunha praza chamada "do Mirmidón". Xusto diante dun pequeno templo de enormes pedras rectangulares había un rexo portal de madeira de carballo, con moitos remaches de ferro. Ao petar nela alguén dende dentro abríu un mirador, botou un ollo e abríu os peches do portal.
Os rapaces quedaron abraiados: o portal daba a un túnel que conducía a un pequeno patio interior arrodeado de diferentes dependencias: casas, almacéns, obradoiros. Gatos de todas clases traballaban polo lugar: algún ferreiro, varias criadas, algún mozo limpando e outros entrenando en armas no patio. Nico foi co Licenciado e co gato negro e branco (que ao parecer se chamaba Golias), posto que tiña moi mala cara, a unha das casas para ver se podían curarlle o ardor de estómago.
Helena e Samuel foron conducidos a unha casucha de pranta baixa, de pedra dura e tellado resistente. Alí sentara a unha mesa e Gastón lles sirveu un suave licor feito de avelás, castañas, noces e nonseicantas cousas máis, que lles quentou o corpo e fixo que se sentiran moi ben. Tamén puxo queixo, marmelo e unha pequena selección de froitos secos.

Comezaron unha conversa na que se citaron moitas cousas das ocorridas no pasado, entre elas o encontro co home dos dentes de pedra, coñecido por Gargoyle. Gastón comentoulles que se adicaba ao moi honroso negocio do estraperlo, e que uns meses atrás rescatara do mar a un mozo, un tal Javier Alvarado. Quedara moi tocado do naufraxio, e morrera pouco despois, deixando moitas incógnitas tras del. Unha desas incógnitas era un estrano artefacto. Rectangular, case cadrado, se abría coma un libro pero non tiña follas dentro, se non luces e imaxes. Nin sequera o Licenciado conseguira controlar tal artefacto.
O que Gastón puña ante Samuel e Helena era un ordenador portátil. Samuel, experto en informática, desvelou varios dos seus secretos: o tal Alvarado era o mozo que vivira no piso de Cinco Calles xusto antes que eles, e que o Sr. Bombín lles contara que desaparecera do día á noite. Os arquivos comezaban como unha especie de tese sobre Compostela, pero remataban nunha espiral descendente de datos que caían sobre outros planos, artefactos máxicos, persoas estranas e espellos.
Comentaron que a cidade estaba medio maldita por un ser ao que chamaban "O Inimigo". Moitos anos atrás xurdira un individuo ao que chamaban Derkesthai (aquí Samuel e Helena ergueron as orellas pensando en Nico), que era medio home, medio dragón. Seica tiña poderes especiais, e incluso os cedía a certos seguidores que tiña. Era quen de grandes fazañas, e moitos agardaban que librara ao mundo da inxustiza. En troques tentou esclavizalo. Foi daquela cando o Mar Escuro asulagou parte da cidade, cando apareceu o pantano do sur, cando criaturas estranas chegaban na noite.
Falaron tamén de que algúns eran capaces de ir "ao Outro Lado", é dicir, á Compostela que eles coñecían. Ás veces usando rezos, espellos, ou simplemente buscando esquinas especiais da cidade onde houbera símbolos especiais, como as cruces potenzadas...

Gastón pideulles axuda, un quid pro quo: el lles axudaría a voltar ao outro lado, pero primeiro eles botaríanlle unha man cun negocio. Seica había unha illa ao oeste onde conseguir unha madeira especial. Precisaba xente para esa misión, pois andaba falto de efectivos. A illa gardaba certos perigos, por suposto, pero nada para xente tan resolta como eles.
Helena dubidou un intre, pero Samuel negouse en redondo. Gastón tomou a mal esa contestación, a pideu certa implicación pola súa parte... confiáralles moita información e pedía sinxelamente unha axuda. Pero a negativa seguía en pé.
Consternado, Gastón convidounos a marchar da súa casa.

Unha vez fóra, Samuel e Helena discutiron polo xeito en que Gastón parecía propoñer un "comigo ou contra min". Ao pouco o Licenciado saíu ao exterior para falar con eles. Parecía vello e canso, apoiado nun bastón e cos pes vendados. Pedíulles que entenderan a Gastón. Era moi orgulloso, si; pero tamén un gato honorable e honroso. Só lles pedía ir a esa misión de recoller madeira (unha misión iniciática, seica; a típica onde se levan aos soldados recén contratados ao aos mozos que chegan a adultos) con el para saber até onde podía fiarse deles. Pero os rapaces era o que non entendían... por que? por que tiñan que probar a súa lealtade ante Gastón?
Samuel preguntoulle se había outros que souberan ir "ao Outro Lado". Había, de certo. Nas escolas de maxia onda o mercado, e tamén no barrio da Pedra, nas aforas. Pero non eran xentes de fiar, e esixían pagos moi elevados en comparación, e non en cartos precisamente.
Falaron de Nico, que quedaba durmindo febril na casa de Gastón. O Licenciado se ocuparía de coidalo o mellor posible, aínda que o seu destino era incerto.
Ao pouco, o Licenciado marchou, deixándolles algo de xantar para o camiño.

Despois de falar un chisco máis, os dous voltaron, desandando o andado, á taberna "Quita-penas" a reflexionar sobre o que farían despois.

miércoles, 24 de octubre de 2007

Sai-Yo

Ao día seguinte (un día escuro, con enormes nubes negras cubrindo a imperceptible luz do sol) os tres mozos tiveron un almorzo lixeiro servido pola sen par Nieve, que parecía levar xa horas traballando.
Como non tiña roupa axeitada, Nico decidira mercar algo ao xeito: botas e un traxe típico deste lugar. Nieve se encargara de todo e llo trouxera envolto en papel de estraza. A roupa acaíalle á perfección, aínda que a Samuel e a Helena lles daba bastante a risa.
Durante o almorzo estiveron falando e debatindo qué facer á parte da cita con Gastón. Preguntáronlle a Nieve se lles podía axudar, pero estaba demasiado ocupada como para deixar a taberna. Un comentario un tanto fóra de tono de Nico sobre o xeitosa que era Nieve tivo como resposta un lene movemento da man da rapaza. Samuel decatouse, pero non dixo nada. De súpeto Nico botou as mans á tripa e saíu correndo para un "desaloxo de emerxencia" que tivo que levar a cabo en plena rúa, sen nada para se limpar agás a súa vella camiseta.
Ao final Samuel case convenceu a Nieve para que lles ensinara a cidade, a partires das seis da tarde. Se ela podía, así faría.
De alí a pouco, con Nico recuperado do apretón, chegou un fachendoso neno-gato que deixou un paquete de parte de Gastón para os seus "colegas": tres espadas ropeiras estupendas. Ben, non tan boas como a que parecía ter Gastón pero, cando Samuel (que algo sabía do tema por ser coleccionista amateur) a sopesou víu a extraordinaria factura e bo tento que daban. Nico e Samuel colleron as súas, pero Helena non quixo saber nada do tema, deixándoa a recaudo de Nieve.

Con case unha hora de tempo até a cita decidiron dar unha volta. Comezaron a encadear lugares. Saíndo pola porta tiñan de frente o estrano peirao de pedra... Helena tentou buscar un lugar de referencia e, un par de segundos despois decatouse de onde estaban: a taberna era case equivalente ao Bar Azul, mentres que a costa de pedra que facía de peirao introducíndose no escuro mar debía ser a Porta Faxeira! As distancias estaban cambiadas, pero botándolle imaxinación podías distinguir as rúas do Franco e do Vilar, e a subida por Bautizados cara o Toural, lugar polo que se meteron.
A praza do Toural estaba distinta: unha enorme fonte a ras de chan, coa estatua dun guerreiro armado con escudo e lanza no medio facía de abrevadeiro arrodeada de bestas, tenreiras e ovellas. Viron á man esquerda un cartel que puña "Apotecario" cunha estrana lámpada acesa ao seu carón.
Nico víu que se trataba do equivalente a unha botica ou algo así, e entrou a saco. Falando cun par de xemelgos que había detrás do mostrador (uns vellos calvos de gafas pequeneiras, que repartían a atención entre o estrano rapaz de as apócemas que parecían ultimar) conseguíu unha entrevista de traballo para iso das sete da tarde. Todo orgulloso saíu de novo á praza a contarllo aos seus amigos.
Os tres se puxeron de novo en marcha, seguindo a que se supuña era a Rúa Nova, chea de postos en plan tenderete onde se vendían todo tipo de artículos, dende medallóns até... espellos? Helena quedou cravada no sitio: un espello dun aspecto afín aos que foran atopando nesta aventura! Helena achegouse á muller propietaria do posto para compralo. Tivo que pedirlle cartos a Nico (que insistía en relear coa vendedora), pero fíxose con el. O espello era pequeno, de viaxe, e como marca de fabricante puña "Berenguela-Mayer, 1990".
Seguindo o camiño chegaron ao final da Rúa, onde cun poucos pasos máis chegas á Quintana, coa intención de chegar ao Banco de Compostela (que, polo que lles contara Nieve, estaba na praza que equivalería á da Acibechería). Cando se prantaron na entrada sur da suposta Quintana comezaron a tremer. Unha cancela de metal enferruxado ante eles, cunha estreita porta de metal que daba lugar a un espazo totalmente opaco por un denso banco de brétema escura. Debatiron sobre a posibilidade de tomar unha ruta alternativa, pero vendo que faltaba cada vez menos para a cita con Gastón (o reloxo dixital de Samuel funcionaba aínda) decidiron atravesar aquel lugar.
Era un campeiro de terra negra e húmida no medio dunha cidade de pedra. Ao camiñar en dirección norte (ao que sería a Quintana de Vivos) tiñan que pisar moi a modo: aquelo era un cemiterio , con lápidas marcadas por nomes de toda clase, algunhas con cruces, outras con estrelas de David, outras con marcas de gadoupas de gato ou de rato. Cruzáronse cunha sombra estrana, un ser encarapuchado, que lles deu moito respecto, pero que ao final tan só era unha muller-rato que os saudou e foi a visitar a un dos mortos.
Continuaron camiñando e deron coa saída do noroeste, subindo un talude de terra cara onde se supuña que estarían "Os Literarios"... como non agardaban menos, había unha baiuca onde ducias de escritores se afanaban en rematar obras de inmenso coñecemento, ledicia, amor, tristura, violencia, luxuria...
E despois, o Banco. Aló atoparon a un rato gordo coma el solo, que a Nico lle lembraba ao tipo que o atendera o día que arranxara os pagos do piso... aquel que lle propuxera "investir en Tempo". Tan pronto entrou e se identificou, o rato sacou uns documentos onde se confirmaba que realmente Nico metera cincocentas mil pesetas en Tempo. Sen saber moi ben que dicir, Samuel e Helena cambiaron os cartos (pesetas) que tiñan, por unhas ducias de maravedíes, a moeda do lugar. No banco enteráronse de que o taller do tal Mayer (o dos espellos) estaba na rúas dos Espadeiros, onde tamén estaba o taller do artesán Brilares
Logo movéronse en dirección a Cervantes, que resultou ser a Praza do Campo, cun enorme mercado de tenderetes cheos de alimentos, utensilios variados, roupa, racións de caldo a maravedí o tazón... quizáis non tan chic coma o da Rúa Nova, pero sí máis útil.
Pasárono de longo e se meteron polo Preguntoiro (era incrible como todas as rúas desta Compostela encaixaban coa outra) onde un pregoneiro berraba axudado por unha campá que ningunha liorta entre os Xelmírez e os Fonseca sería aceptada... O rei García estaría vixiante ante calquera alteración da Orde. Curiosos, os rapaces continuaron camiñando.
Cando chegaron ao Cruce, viron que todo encaixaba. A casa de Cinco Calles era moi afín a esta do Cruce das Cinco Rúas. A diferencia principal era que a pedra estaba ao aire en troques da caleada, e que a casa, de arriba abaixo, estaba clausurada. Grandes talóns bloqueaban as portas e fiestras, impedindo a entrada. O Cruce estaba deserto, e tan só chegaba o lene e lonxano barullo do mercado.
Foi entón cando da costa onde estaría Fonte Sequelo chegaron 4 homes. Vestían roupas negras cunha cruz vermella, parecida á de Santiago, no peito. O aspecto seral era coma os espadachíns do século XVII:botas altas, capa, sombreiro... es espadas.
Un deles achegouse a Samuel e lle dixo: "Sodes un langrán e un porco". Samuel dixo: "Vale" querendo deixar sen palabras ao belixerante individuo. Aínda sí o tipo tiña máis que dicir e continuou insultando, e de aí a pouco botou man á espada. Todo se desmadrou.
Samuel colleuno do pulso antes de que puidera saca-la espada, e retorceullo nunha doorosa luxación. O compañeiro deste sacou a esapda e ecarou a Samuel, que tivo que usar ao que tiña agarrado como escudo. Outro deles botóuse a Nico quen, nin corto nin perezoso sacou a espada e comezou a lanzar torpes estocadas que o seu contrincante desviaba cun sorriso cruel na faciana. Outro comezou a andar lentamente cada Helena, que estaba desarmada.

Foi entón cando ocorreu.

O que tiña agarrado Samuel tentou sacar un coitelo, e o rapaz tivo que empurralo cara diante para evitar ser apuñalado. Logo sacou a espada ropeira e encarou aos dous rivais que tiña diante.
Nico comezou a sentir un tremendo ardor de estómago e notou cómo a bilis ascendía cara a súa boca, queimándoo por dentro... en pouco tempo non podería defenderse do seu contrincante.
Helena comezou a berrar pedindo axuda, e os seus berros eran cada vez máis altos.

Nun só intre ocorreu o inimaxinable. Nico non aguantou máis e vomitou sobre o seu opoñente... unha carga de un líquido incandescente xurdeu da súa boca e incinerou ao espadachín que, sorprendido, non puido senon morrer calcinado alí mesmo. Helena, cercada e cunha espada case no peito, deu un tremendo berro, un deses berros que provocan unha súbita sinestesia onde as ondas sónicas viaxan polo ar. Esas ondas impactaron de cheo contra o seu asaltante, erguéndoo polos aires unsquince metros contra o primeiro piso do edificio de enfronte. Bateu contra a parede e caeu ao chan inerte. Samuel tiña que moverse axiña. Nin só chiscar de ollos, sen saber cómo, estaba detrás dos seus contrincantes, coa punta da espada na caluga do que parecía o xefe.
Os tres se miraron un intre sen saber qué ocorrera, cómo foran quen de facer tales fazañas.
Os que loitaran contra Nico e Helena estaban mortos, mentres que os outros dous foron espidos e interrogados no medio da rúa. Ao parecer estaban ás ordes de Fonseca, en concreto ás de un tal Don Álvaro, conselleiro do propio Fonseca.
Examinando tanto a vivos como a mortos viron que tiñan unha extraña válvula (parecida á dun depósito de gasolina dun coche) no medio do peito. Deixaron marchar ao supervivintes e examinaron os cadáveres. O calcinada non valía para nada, estaba reducido a cinzas. O outro estaba esnaquizado no chan, e quedaron arrepiados cando comprobaron que do seu interior só saía serrín... serraduras moi finas coma se dun boneco de trapo se tratara. Nico colleu unha das botas dos espadachíns e a encheu un pouco con ese serrín, co gallo de analizalo máis tarde e, para a sorpresa de todos, algo duro caeu na bota. Remexendo sacaron unha estrana pedra vermella, parecida a un rubí. Examinando o cadáver calcinado atoparon outra... Samuel as gardou. Nico colleou unha das espadas e tentou abrir a porta do que era, no Outro Lado, o sau piso de Cinco Calles. As táboas estaban moi ben apuntaladas, e non o conseguíu.

Nese intre chegaron correndo pola rúa do mercado tres homes gato: Gastón, o Licenciado e o gato branco e negro, coas armas listas e con pinta de ter loitado hai pouco. "Tendéronnos unha emboscada vindo para aquí... En fin, xa vemos que vós tamén tivéchedes problemas, pero que vos sabedes apañar" dixo Gastón mirando para os cadáveres. "Hai que liscar antes de que chegue a sentinela da cidade. Será mellor que vos levemos á miña casa. Alí poderemos falar tranquilos e, cecáis, poidádesme axudar cun asunto".

Helena, Nico e Samuel, acompañados polos tres homes gato, puxéronse en marcha cara a que, noutro mundo, era a Praza de Cervantes.

Reencontros III

Samuel ergueuse paseniño mirando para aquela mesa. Saíu do reservado con pasos rexos, ergueito, camiñando firme cara aqueles 3 homes-gato.
Faltáballe un paso para chegar xunto deles cando un coitelo curvo de lle pousou, sen ferilo, na gorxa. O gato banco e negro, aquel do parche no ollo esquerdo, nun movemento máis rápido que un chiscar de ollos, sacara un kukri e llo tiña colocado xusto entre a noz e o papo. Samuel non puido nin tragar saliba pensando na posibilidade de se cortar.
"Vaia", dixo o gato gris, "e ti de quen vés sendo?". Así comezou unha conversa (xa sen coitelo no pescozo)que durou varios minutos... tensos minutos nos que Helena e Nico non sabían qué facer.
Samuel explicoulle a aquel gato (que realmente resultou ser Gastón; e o alaranxado gato do lado era, de certo, o Licenciado) que soñara con el e que falaran largo e tendido nun soño. Gastón non sabía nada do tema. Ao referirse a que no soño Samuel manexaba ordenadores ("Ordenadores?", preguntaron) as orellas de Gastón e do Licenciado se puxeron de punta. Samuel explicoulles que el se adicaba a iso, a traballar con esas máquinas que tiñan letras para pulsar e pantallas.
Quizáis, despois de todo, tiñan un traballo para el. Gastón citouno para o día seguinte, a iso das 10 da mañán, no Cruce das Cinco Rúas. Cunha breve explicación por parte do gato, Samuel decatouse de que tiña que ser unha especie de reflexo de Cinco Calles.
Logo de beber o leite, Gastón e os seus dous acompañantes despedíronse, sorrindo, de Samuel.

Cando o rapaz voltou ao reservado deu boa conta de todo a Helena e Nico e, con máis ganas e ilusións que antes, remataron a cea que Nieve lles trouxera.

miércoles, 10 de octubre de 2007

Reencontros II

Nico tentou dar brazadas, pero a forza do vento, a choiva e o pánico impedíanlle facelo. Estaba afogando.
Foi entón cando, dalgún xeito, comezou a moverse con grande impulso, chegando a sacar medio corpo fóra da auga da forza que facía. Nun intre, tan só as pernas estaban baixo a superficie, e o rapaz levitaba a trompicóns sobre o mar, gracias o aleteu de dúas ás membranosas nas súas costas. Nico estaba en tal estado de shock que case nin se decatou do que ocorría, e foi voando case por incercia en dirección á luz do faro, sobre aquel mar escuro.

Ao chegar perto víu que o faro non era tal: tan só unha columna de pedra duns 15 metros cunha lumieira enriba de todo. Estaba tirado boca abaixo nunha especie de pequeno peirao de pedra que se introducía ao mar costa abaixo. Enfronte, a unhas poucas decenas de metros había casas e luz, e á súa dereita, case ao lado, un pequeno edificio rectangular con luz no interior do que saía fume de estufa.

Nico botou man ás costas, pero xa non tiña esas ás que lle acababan de salva-la vida. Ergueuse e comezou a andar, coa camiseta e os boxers empapados, cara o pequeno galpón.
Petou e un home-gato (un HOME-GATO!) lle abríu a porta de madeira de corredeira. "Si?" dixo, pero logo mirou a Nico de arriba a abaixo e mirou cara o interior, "manda carallo, outro que vén mollado hoxe... debe se-lo día dos naufraxios... menos mal que somos estibadores!" e logo dixo mirando a Nico "que os teus fillos acollan tan boa profesión."

Metérono dentro e lle deron un lenzo para se secar, pero logo de poñer caras raras e facer comentarios sobre a imposibilidade de que os gatos fosen humanos, botaron a Nico a patadas. Encamiñouse logo cara a taberna "Quita-penas" da que lle falaran os homes-gato (HOMES-GATO!) do galpón.

Entrou, só vestido cunha camiseta e uns bóxers e cun lenzo ao redor do corpo e modo de toalla, na taberna "Quita-penas".
Por fóra era un local de pedra, de dúas plantas de altura. A planta inferior tiña un soportal baixo o cal se vislumbraban un par de fiestras e unha estreita porta de doble folla, a través da cal Nico escoitaba o ruido de conversas. O piso de arriba estaba a pouca distancia do chan... tiña o aspecto desas casas da Algalia de Abaixo ou da Rúa do Vilar nas que case con estirarte podes toca-lo primeiro piso. Ao entrar Nico sentíu o calor dunha lareira e sentíuse mellor, sensación que non durou demasiado: no interior había homes-gato e homes-rato mesturados entre "xente normal". Atónito, arrastrou os pés en dirección á barra, onde unha fermosa rapaza servía beberaxes aos parroquiáns.
Nico pideu axuda... primeiro licor, algo forte. Baixouno dun grolo. Logo comprensión... Estaba acostumando a "chorarlle" á xente para conseuir os seus fins, pero desta vez ía en serio. Estaba medio tolo, desesperado. Necesitaba comprender o que ocorría. De súpeto notou que nos seus bóxers había un peto interior, e que nel había unha cantidade indeterminada de moedas de diferentes tamaños e metais. A rapaza da barra colleu unhas cantas e comentóulle que no piso de arriba, nas habitacións, había dous mozos (un rapaz e unha rapaza) que tamén estaban medio despistados e que tamén vestían raro. Nico sumou un máis un e, cómo non, déulle tres.

Correndo subeu ao piso darriba e petou na porta do cuarto onde se supuñan que estaban os que el cría que serían algún dos seus amigos. Dende o interior da habitación contestaron Samuel e Helena: "quen é?". "Son Nico! Axudádeme por favor!".
Discutiron un chisco coa porta de por medio, xa que Samuel non quería nin velo. Poucas horas antes Nico o atacara e tivera que defenderse... e casi matalo.
Ao final Helena mediou e abríu a porta. Nico irrumpíu no interior e déulles apertas e apertas case chorando.
Nico, xa que tiña cartos, pedira unha cea para compartir cos seus amigos na habitación, pero decidiron, unha vez que fixeron "as paces" ir a tomala abaixo.

A taberna era rectangular, coa entrada e as fiestras nun dos lados longos. A barra estaba enfronte da porta. O chan era de pedra, en plan adoquíns de granito, cuberto por serrín e palla seca. Mesas de madeira de diversos tamaños arrodeadas por bancos, banquetas, tocóns e sillas de diferentes estilos ocupaban todo o espazo. Nun dos lados cortos había un excusado e as escaleiras que subían ao piso de arriba. No outro había uns cinco reservados ao máis puro estilo pub inglés, cunha mesa e bancos corridos para cada reservado, e unha cortina que aillaba o reservado do resto da taberna. Elexiron cear nun.
A camareira, que se presentou como Nieve, era unha rapaza miúda dun vintepoucos, de rasgos finos agás as mans, curtidas polo traballo diario na taberna; de pelo moreno e moi longo, recollido nunha cola de cabalo que lle chegaba á cadeira. Era ben feita, de ollos escuros e achispados; a típica que se fai a tonta e logo che mete unha contestación chea de retranca. Vestía unha saia longa e un corpiño xeitoso,
Tróuxolles a cea e algo de beber, e Nico tendeulle as moedas para que Nieve collera as que considerara opurtuno.
Na cea comprobaron que o reservado era realmente un reservado: foi corre-la cortina e non escoitar nada do que do exterior se falaba. Estaban illados e moi cómodos. Durante a cea falaron e se puxeron ao día do que ocorrera, preguntándose onde estaría Kat.
Helena foi ao baño, botando un ollo de paso aos parroquianos: había homes-rato, baixos e gordechos, falando cousas secretas, homes-gato bebendo en tazas de leite e estibadores do peirao descansando despois dunha longa xornada de traballo; había tamén un grupo vestido en plan medieval, con cotas de malla e espadas ao cinto. Tiñan un blasón no peito que era un escudo con sete estrelas. Miraban mal a outro grupo, vestidos en plan mosqueteiro, de negro, con estoques e blasóns parecidos a cruces de Santiago. Segundo contou logo Nieve eran por un lado seguidores de Xelmírez e por outro seguidores de Fonseca, que eran inimigos irreconciliables.
Ao voltar do baño, Helena víu entrar a tres individuos: tres homes-gato que fixeron que arqueara as cellas abraiada.
O que ía diante vestía roupas escuras de mosqueteiro, con botas altas reviradas e un sombreiro amplo que quitou de vagar ao entrar na taberna. Unha empuñadura de lazo dourada asomaba á altura da cintura pola longa capa escura. A súa cara, dura e rexa, era á dun gato de orellas pequenas, de cor gris e negro.
Os ollos verdes percorreron todo o interior, parándose tan só un chisco máis nos grupos de seguidores de Fonseca e de Xelmírez. Logo, sorrindo con dureza, entrou e sentou a unha mesa redonda. Os seus acompañantes eran igual de curiosos: un deles era un home-gato negro e branco (o seu debuxo facial era como unha máscara: negro por arriba e branco por abaixo), cun parche no ollo esquerdo. Era algo máis baixo que o primeiro, pero tiña pinta de áxil e fero. Ríu entre dentes cando mirou para os dous grupos. Tamén ía armado cunha espada, pero era dos que daba a sensación de levar máis armas ocultas por todas partes.
O terceiro era baixo e ancho, de cor laranxa. Era de fuciño curto, e levaba uns quevedos que lle daban un aire de intelectualidade curiosa (para ser un gato, pensou Helena). Este parecía que non levaba espadas coma os outros. Cecáis as súas armas eran outras. todos sentaron na mesma mesa, e pediron leite a Nieve. Parecía que había confianza, coma se fosen clientes habituais.

Helena foi correndo a avisar a Samuel e Nico. Helena sabía que aqueles homes-gato eran idénticos aos do soño de Samuel. E este, ao correr un chisco a cortina do reservado, confirmouno. Aquel era o gato do seu soño, aquel que se facía chamar Gastón.

lunes, 8 de octubre de 2007

Reencontros I

Nico espertou cun gato laranxa subido no peito. Asustouse ao primeiro pero logo lle fixo tanta gracia ter o gato enriba que se deixou estar. Mirou ao seu redor. A casa estaba revolta: colchóns e mantas tiradas no salón, o Espello non estaba, restos de comida... E ninguén na casa.
Acababa de ter un sono estrano, no que se vía acoitelado por Samuel por algún motivo. Sen dúbida era por culpa de Nico, algo malo fixera e por iso o castigaban. Era por ser o que era. No seu soño estaba nun prado de cor branca baixo un ceo azul intenso, e tiña nas mans a louza que tiña o debuxo do derkesthai: o vixiante, ese debuxo dunha cova e un dragón que tiña unha cara parecida a el mesmo. No soño o señor que o atendera no banco de Compostela víñalle cuns papeis e lle preguntaba se ao final quería invertir esas 500.000 pesetas en tempo. Era a mellor inversión: o tempo.
Logo de asinar espertou de súpeto tumbado no sofá co gato enriba.
Non atopou nin a Samuel, nin a Helena nin a Kat. Seguramente estarían no traballo, sendo como eran as 12:30. Case sen dar creto descubríu que o Espello estaba reparado, completo. "Estes cabróns" pensou, "mada carallo na Habana".
Comezou a facerlle uns mimos ao gato mentres pensaba no Espello e nos seus compañeiros e, de súpeto, na súa mente escoitou "E logo que, non buscas aos teus amigos?". O gato estaba a mirar para el, e non había ningén máis na casa.
A voz soaba na súa cabeza cunha monótona cadencia, a típica dun redicho resabido. Nico estaba abraiado. "Os teus amigos deberían estar en Axeitos, pero non é así... eu de ti os buscaría do outro lado". Logo pideulle a Nico que o deixara saír, cousa que fixo: chegaba cheiro a peixe fresco dende a Praza de Abastos, rúa a baixo.
Nico tardou en reaccionar, pero esa reacción foi enérxica. Comezou a preparar, con alcol e drogas, un preparado parecido ao que tomara aquela noite que se espira diante do espello e tivera aquelas alucinacións. Nunha media hora tiña lista a beberaxe.

Vestido só cunha camiseta e uns boxers brancos, Nico acendeu as variñas de incenso e bebeu aquel líquido verdoso mesturado con azucre sentado diante do Espello. O reencontro coa súa imaxe foi como agardaba: Nico tiña un lume interior que facía que se sentira poderoso e indestructible. Dúas ás membranosas ás costas do reflexo desplegáronse. Nico non as notaba, pero no Espello o seu reflexo as tiña... era un dragón, e o sabía dalgún xeito.
Un intre despois comezou a chover sobre o Espello. Era unha choiva que caía dende dentro, dando a sensación estrana de estar baixo a auga vendo como chove. O Espello formaba un fermoso debuxo de ondas concéntricas. De súpeto esa choiva caeu coma unha fervenza sobre Nico. Asulagado e sorprendido, a auga o rodeou e o absorbeu contra o Espello. Estaba mergullado a varios metros da superficie dun mar escuro sobre o que caían lóstregos e choiva a cachón. Cun esforzo extremo aboióu na superficie batente do mar. As ondas o levaban dun lado a outro na escuridade, a choiva non permitía ver case nada, pero entre as tebras puido distinguir unha luz parecida a un pequeno faro, non moi lonxe na distancia.

miércoles, 3 de octubre de 2007

Metanautas II

Tiñan que ir a Axeitos. Sabíano.

No chan, xunto coas cousas de Kat tamén atoparon un papel amarelo cun debuxo estrano feito en sanguina. Era unha especie de colgante con forma de círculo, cun círculo concéntrico interior que xiraba, coma se fose un astrolabio ou algo polo estilo. Helena gardou o papel e os dous se cambiaron para saír cara Axeitos.
Decatáronse entón de que Nico aínda durmía, e non tiña pinta de ir a espertar. Dubidaban se deixalo só, se quedaría ben daquela maneira. Mentres falaban, Helena abríu a porta (en parte para saír, en parte para comprobar se xa estaba desbloqueada) e, de súpeto, un enorme gato de raias de cor laranxa entrou coma na súa casa ante a mirada atónita de Samuel e Helena. Paseou un chisco e logo se acubillou no peito do durminte Nico, e ronroneou coma se estivera la gloria.
Sen saber porqué, Helena e Samuel decatáronse de que Nico quedaría ben, porque estaría protexido, coma o serñor Bombín prometera no soño.
Marcharon directos á estación de trens para alugar un coche e tirar directamente cara Axeitos. A viaxe foi tranquila, e para dar coa casa da avoa tiveron que preguntar unha vez chegados á zona. Seica a casa quedaba relativamente perto do Dolmen.
O día era claro, non moi caluroso nin frío, un día típico de finais de setembro, cando o tempo non se acaba de aclarar e a xente non sabe qué roupa poñer. Samuel, que era o que tiña carnet, dirixeu o coche por estradas, e logo por pistas asfaltadas e pistas de terra, até que chegou a unha estrana formación de árbores que facían ringleiras aos lados dun camiño de terra e pedras... As árbores estaban moi xuntas unhas das outras, e co paso dos anos as súas copas quedaran unidas formando un túnel sobre o camiño. Atravesalo foi como introducirse nun conto, vendo os raios do sol caer sobre o coche coma columnas de luz partindo as pólas e as follas. Ao final dese estranos túnel había un pequeno claro circular cuberto de herba e matorral. No centro había unha edicificación, unha casa de madeira en plan canadiano, de forma rectangular e unha soa pranta. Os troncos que formaban as paredes exteriores eran dun grosor enorme, e nun dos lados curtos había unha estructura de pedra que se elevaba no ceo: unha cheminea.
Achegáronse á porta e tiraron dunha cadea que tiña enganchada unha campá no interior. Por dúas veces tocou pero ninguén respostou. Ao final Helena sacou a chave, que tiña un aspecto diferente, e abríu a porta.
O interior da cabana estaba cheo de po, e a luz facía que brilara no aire como faíscas. Todos os mobles estaban cubertos de sábanas brancas (grisáceas polo po). Á man esquera un grande salón comedor ocupaba media cabana, e ao lado esquerdo había unha cociña "americana" e dúas portas, unha que daba a un pequeno baño e outra que daba a un cuarto. A casa estaba baleira, en desuso total, e con moi poucas cousas que a fixeran habitable... nada de cubertos, vaixela ou roupa de cama. Botaron un ollo por todo.
O lugar que máis chamaba a atención era o cuarto. Era unha habitación pequena, cunha cama de ferro e un espello parecido ao que tiñan en Cinco Calles, pero menos sinistro. Máis convencional. Samuel tivo unha idea. Buscou un coitelo para cortarse e ver qué ocorría se pasaba o sangue polo espello. Mentres buscaba na cociña, Helena atopou algo colgando da parte de atrás do espello: un colgante composto de dous círculos concéntricos, dourado, parecido a un astrolabio... coma o do debuxo en sanguina! Comezou a examinalo. Samuel entrou nese momento e quedou coa boca aberta: Kat, dende o interior do espello, berraba sen ser escoitada por Helena, atenta ao colgante. "Mira!" berrou, "é Kat!". Dende o interior Kat berraba algo, pero non era comprensible. Entón o espello se cubreu dunha fina capa de xiada e unhas letras comezaron a aparecer, escritas dende o interior: "Fuxide de aquí!".
Presas do pánico, os dous saíron a todo meter, pechando a porta da calle con chave e subindo dun salto ao coche. Nese intre todo se escureceu e unha lixeira choiva comezou a caer. Logo subeu en intensidad até transformarse nun auténtico diluvio. Samuel arrincou o coche e puxo marcha cara Compostela a todo meter.
Nembargantes, ao chegar á autopista tivo que ir moi a modo: o tráfico era imposible. A velocidade media que levaba non chegaba aos 40-50 por hora: ninguén se atrevía a ir máis rápido coa que estaba caendo, que non deixaba ver a máis de 20 ou 30 metros.
Helena xogaba co colgante, vendo formas, runas, debuxos no deseño circular. Sen saber o que podían significar, suspirou... e entón o círculo interior, o concéntrico, xirou. E as runas e letras brillaron un intre. Vendo isto, volveu a suspirar, esta vez máis forte, e volveu a xirar. Á terceira Samuel decatóuse doque ocorría, e víu como o colgante xiraba a toda velocidade nas mans de Helena. Berrando para detela, Samuel agarrou a man da rapaza para impedir que o colgante xirara, pero non o conseguíu. A escuridade os tragou.

Samuel tiña un par de remos nas mans, e estaba sentado nunha dorna con Helena sentada enfronte del, a proa. Era noite sen lúa, a a choiva e o vento ferían a pel e lanzaban a dorna dun lado a outro sen piedade. Viron luz a proa e Samuel comezou a remar tan rápido como podía, sentindo os brazos e o peito romper en cada palada. Nun minutos que pareceron séculos, os aterrorizados mozos sentiron cómo a dorna batía cun fondo de pedra liso, que parecía un espolón dun peirao. Saltaron e tiraron pola dorna para tentar enganchala a algo. Ás súas costas había escuridade, partida ás veces por luces do que parecía o interior de varias casas baixas.
A dorna era moi pesada e, das sombras e da cortina de choiva xurdiron dous homes cubertos por sobretodos e carapuchas de coiro. "Agardade que vos axudamos" dixeron. Ao estirar as mans para agarra-lo cabo, Samuel e Helena viron que eran mans cubertas de pelo e rematadas en unllas. Unha vez amarrada a dorna, os levaron a un pequeno galpón onde unha estufa de ferro colado quentaba o ambiente. Os dous homes quitaron os sobretodos e os colgaron nun cable para que secaran. Os dous individuos eran homes gato, coma os do soño de Samuel, que non daba creto. "Mala noite para navegar, compañeiro" dixo un deles sentando cos pés pegados á estufa e sacando unha pipa; "moi mala noite".
"A verdade é que non sabemos moi ben onde estamos" dixeron. "En Compostela, por suposto" respostaron os gatos. "Somos estibadores, noble oficio, aínda que duro. Que os vosos fillos nunca caian nel".
Falaron un rato cos dous homes-gato compartindo un café quente. Descubriron que o nome do gato de raias negras co que soñara Samuel era Gastón, e que vivía no centro da cidade; e conseguiron os datos dunha pousada que había moi preto. Sen nada que darlles salvo unhas pesetas (que os gatos miraron con curiosidade), Samuel e Kat entraron na Pousada Quita-Penas, que daba ao escuro mar do que acababan de chegar. Unha vez alí viron xentes de todo tipo, tanto normais coma gatos e incluso algún rato.
Pediron unha habitación e deron como sinal un billete de mil pesetas. Naquela habitación pequena, cunha cama, un cofre , unha cheminea e unha alfombra de pel de carneiro enorme, os dous mozos tentaron centrar os seus pensamentos e descansar un pouco.