jueves, 1 de noviembre de 2007

Obediencia

Señor e vasalo estaban sentados no soto da torre. Era unha sala circular, con muro de pedra. Unha grosa porta de medio punto estaba pechada ás costas do Vasalo. Banos case á altura do teito deixaban entrar certa claridade dende a rúa. A friaxe subterránea facía tremer ao Vasalo, pero o Señor parecía a gusto. O chan de terra, húmido e musgoso, facía daquel lugar un sitio incómodo para calquera. O Vasalo vestía de negro, cunha máscara lisa de prata e acibeche no rostro. O Señor levaba unha pesada e raída túnica que algún día fora negra como única vestidura. Do seu pescozo colgaba un talismán parecido a un cazasoños. A súa cabeza estaba descuberta; o seu longo e liso pelo negro xurdía cara atrás dende unhas marcadas entradas na súa testa. Baixo esta, a súa face era inexpresiva, como a dunha estatua. A súa pel era dun ton entre branco e azul eléctrico. O seu rostro, liso e duro, coas faccións moi finas aínda así. Os seus ollos estaban agochados baixo a sombra escura das súas cellas, pero parecían ser de cor branca... se iso era posible. O peor era a carencia de expresión do rostro... qué pensamentos cruzaban esa mente?
O Vasalo non acougaba tranquilo na cadeira de carballo. A pesar da comodidade da súa factura, a excelente colocación dos coxíns na estructura e a perfecta adaptación a calquera que sentara nesa cadeira, o Vasalo non era capaz de estar cómodo naquel soto húmido na presenza do seu Señor. Levaban varios minutos envoltos nun incómodo silencio, e o balbordo da rúa entraba dende o lonxe polo banos.
"Así que xa están na cidade", dixo o Señor ocupando todo o soto coa súa profunda voz.
"En efecto, meu Señor", respostou cun lixeiro tatexo o Vasalo.
"Ben... agardemos que saiban escoller a quen poden recurrir", dixo o Señor colocando os cóbados na mesa de madeira escura que os separaba e xuntando os dedos nun xesto reflexivo.
"Se non saben..." respostou o Vasalo "... farei porque saiban".
O Señor sorríu lenemente e o Vasalo ergueuse, saudou con respecto e se encamiñou cara a porta para cumprir as tácitas ordes.

Sempre por obediencia.

No hay comentarios: