lunes, 12 de noviembre de 2007

Purificación

Nicolás e Helena entraron seguros de si mesmos polo camiño. Polo que lles contara o falcón antes de partir, unha moza de pelo vermello (Kat?) entrara por ese mesmo camiño, pero facíase chamar a Raíña dos Gatos.

O camiño era escarpado, arrodeado de maleza, xestas e silvas. Altas árbores cheas de enredadeiras impedían a entrada da luz do sol, facendo que unha bretemosa escuridade o asulagase todo. Avanzaban paseniño, pero esperanzados. Nico detívose un intre, xa para descansar un chisco, xa para saca-lo tema de Samuel: tiñan que voltar a por el. Comezaron a falar sobre a posibilidade de ir a por el e tentar convencelo, pero quedou desestimada a idea: Samuel era adulto e fixera a súa elección; se non quería ir canda eles era o seu problema.


De súpeto Helena tivo un deses "pálpitos": alguén viña detrás deles. Díxollo a Nico, que sacou a espada e comezou a andar cara un lado do camiño. Helena iría de fronte, e así o tomarían por dous lados.
A rapaza avanzou e "sentíu" unha presenza un pouco máis adiante, tras dun tronco seco tumbado: quen os viñera seguindo estaba alí. Avanzou para ter ángulo e a quen víu alí sentado foi a Samuel. Samuel fora quen os viñera seguindo. "Outra vez seguíndome?" dixo Helena. Pero un berro os puxo en alerta.
Nico fora en dirección á presenza que Helena presentira, pero non polo camiño, senon pola maleza. A cada paso que daba sentíase raro, até que se decatou de que non sabía por onde viñera. Comezou a escoitar ruidos ao redor, como de algo que se arrastrara polo chan cuberto de follas secas. De súpeto comezaron a xurdir mans e brazos putrefactos do chan que comezaron a agarralo das pernas e a gabear por el.

Do chan comezaron a saír corpos putrefactos de xentes ás que un aterrorizado Nico podía poñer nome: eran amigos e clientes que durante o seu tempo como "pasante" de drogas nalgún momento lle compraran material. Eran xente que, por causa directa ou indirecta, Nico envelenara coas substancias que lles vendía. Era xente que, por causa directa ou indirecta, Nico podía ter matado. O seu berro fixo acudir a Helena, que ao chegar víu como os brazos de carne podre desaparecían baixo a terra de novo mentres un Nico morto co medo repartía golpes a destra e sinistra. Helena conseguíu calmalo, mentres Samuel os miraba na distancia sen participar.
Helena conseguíu tirar por Nico para que andivera, e o levou de novo cara o camiño. Pouco a pouco colleron un ritmo lento de paso, coa pobre rapaza sostendo a un derrotado Nico que non podía parar de chorar.

Samuel quedou atrás mirando para eles. Non se fiaba nin de Nico (mentirán, por dicir que estaba envelenado e, polo visto, non estalo en absoluto) nin de Helena (que dixera que ía ao Arrabal e logo case a pilla indo a casa de Gastón o Gato, de quen tampouco se fiaba). Só e mantendo a distancia cos outros dous, comezou a fixarse nas lindes do camiño, por se era caso. Foi daquela cando as herbas e prantas, pólas e follas comezaron a formar imaxes estranas na mente de Samuel. Víu dúas figuras falando. Non as recoñeceu ao principio. Falaban de alguén. De que estaban mellor sen el, que era toda unha comodidade ter tanto espazo e tempo libre. Que era unha carga e que fixeran ben en mandalo fóra a "estudar " e "ver mundo", porque así puideron disfrutar moito máis antes da xubilación. Samuel víu que os que falaban eran os seus pais. Estaban nunha casa, parecía a casa de Madrid... e parecía moi real. Os seus pais non tiñan especial aprecio por el. Agora comezaba a casar fíos... o mandaran a estudar fóra moi novo, e logo a traballar a medio mundo. Nunca fixeran presión para que quedara na casa con eles, sempre foi un "non, non; vai e aprende moito, meu fillo". Era incrible. Non tiña irmáns: cecáis daquela podería entender que houbera un "preferido", pero é que os seus pais o que preferían era estar sin el, sin o seu único fillo. Samuel pensou daquela no que fora o seu mestre, o seu mentor na rede de redes; aquel que lle ensinara case todo o que sabía: THUN3R. Pero cando THUND3R lle pedira, días atrás, que lle contestara a unha pregunta ("estás preparado para subir de nivel e coñecer secretos maiores dos que imaxinas?") Samuel o tomara como un insulto persoal e unha falta de confianza e cortara toda comunicación con el. Agora non tiña nin aos seus pais nin ao seu mestre. Estaba só. E foi entón cando un enorme sentimento de illamento o invadíu, e outro de piedade cos dous pobres rapaces que tiña diante caeu sobor del como unha lousa de pedra.

Helena, pouco a pouco, foi deixando que Nico caminara só. Quería botar unha carreiriña de can cara adiante no camiño para poder ver até onde chegaba. Deixou a Nico e avanzou con paso presto, preguntándose se nalgún momento darían con Kat. Varias decenas de metros despois víu, a un lado do camiño, unha pequena masa de auga estancada. Era demasiado pequena para ser unha lagoa e demasiado grande para ser un charco. Así que lle puxo a etiqueta de "estanque". Na súa calma superficie víu media casca de noz flotando como un barquiño, deixando un fino ronsel en dirección a un dos bordes do estanque. Entón entrou nunha estrana ensoñación, na que a pequena casca era unha dorna no medio dun mar calmo, á noite. Nela ían un home de abrigo longo cos dentes de pedra e un vello ao que non recoñeceu. O home do abrigo longo tiraba ao outro ao mar, e logo tamén guindaba unha mochila que contiña algo así coma un enorme ovo de cor amarelo cuberto dun material verde e viscoso parecido a mocos. A mochila foi á deriva, até que un pesqueiro a recolleu por casualidade nas súas redes. Un home vestido de abrigo mariñeiro e gorro de lá (o pai de Helena) abría a mochila e quedaba abraiado polo contido.
Nico púxolle a man no ombreiro a Helena. "Que? Viches algo?". Helena acordou de novo: "nada, o camiño segue e segue". Avanzou cara o estanque e recolleu a casca, gardándoa nun peto.

Horas despois conseguiron saír do bosque, pero o novo panorama non era mellor. Ante eles tan só vían o camiño que continuaba coma se fose unha cicatriz atravesando unha enorme planicie de cinza negra e gris. Nada máis alto que unha herba escura nacía dese chan, e eles víanse obrigados por algo a continuar.
Case dez días despois da elección de Camiños, sen alimentos, derrotados, coa roupa esnaquizada, sen folgos para dar un paso máis, caeron diante dunha estrana estructura: unha casa de madeira pintada de branco, con tellado a dúas augas de cor vermello... unha casa que estaba como a dous metros flotando no aire. Unhas destartaladas escaleiras de madeira conducían dende o chan á porta de entrada. Os tres non a viron até que a tiñan case enriba. A porta abríuse, e unha fermosa moza vestida só cun peplos branco saíu ao exterior cun radiante sorriso. Cando Nico e Helena a viron recoñeceron de inmediato a... Isis! A moza que rescataran da rúa, a que tivera un trozo do Espello Éidolon no ventre (por iso o alcume de Canope)... a mesma que desaparecera do hospital días atrás!
Sen folgos para falar, protestar ou mesmo sorrir, un a un foron recollidos pola pequena Isis, que só con tocalos era quen de facer que recuperaran algo de alento e entraran na casa. A entrada daba directamente a un pequeno salón no que había unha mesa ampla chea de comida e bebida, unha lareira e un par de mobles.
Isis ofrecéulles comida variada e estes comeron como caimáns. Namentres foi a outra estancia, onde dixo estar preparando un baño. Comeron até quedar fartos e logo Isis convidounos a tomar un baño. Nico e Helena foron de cabeza, espíronse a toda velaocidade e metéronse cada un nunha das enormes bañeiras de porcelá que Isis enchera de auga quente e esencias aromáticas. Samuel non quixo bañarse. Tampouco se fiaba daquela muller.

Nico e Helena viron como todas as impurezas, o cansazo, os males, os pecados e as penas esvaecíanse e tan só quedaba a inocencia. Con esa inocencia saíron do baño, espidos pero despreocupados coma se nenos fosen. Depois de se secar puxeron unhas cómodas túnicas de liño para tomar un té xunto con Isis e Samuel.

Isis díxolles que chegaran moi lonxe xa, pero que esta non era máis que unha das Grandes Decisións que estaban por vir. Dende aquela, a Maxia viviría con eles.
Isis díxolles que coñecía o pasado, e que podería contestar a calquera pregunta sobre el da que coñecera a resposta.
Helena e Nico comezaron a bombardeala con preguntas, e ao final foron quen de xuntar certa información que lles foi moi difícil asumir.
Hai centos de anos aparecera un ser cheo da areté, a nobleza como para traer a paz a todos os Mundos Posibles. Ese ser, coñecido máis tarde co nome de Derkesthai, e logo co alcume de O Inimigo, vendo o inmenso poder co que contaba, decidíu reunir a un grupo de fieis seguidores e renegar do seu destino. Asulagou o Mundo Oculto coas cinzas do odio e a guerra, e todo aquel lugar quedou á súa mercede. Poucos eran quen de se enfrontar a el, e os poucos lugares que resistían o facían polo seu capricho ou a súa carencia de interese neles.

Anos atrás, o Derkesthai decidira ter descendencia, co gallo de facerse cuns achegados fieis e de mans dereitas apropiadas para unha posible sucesión. Producíu, non se sabe cómo, unha serie de ovos dos que nacerían eses sucesores. Pero Isis, xunto con outros catro conspiradores, roubaran varios deses ovos e os repartiran para que o Inimigo non os atopara. Eses catro conspiradores resultaron ser Asunción, Ismael, Anastasia e o ser do abrigo longo e dentes de pedra, ao que coñecían co nome de Gargoyle. Fuxiran cos ovos ao Outro Lado pero, por algunha razón, o cenáculo dos conspiradores rompera e mesmo un deles (Gargoyle) traizoara ao resto. Por iso Isis estaba sendo atacada na discoteca cando fora rescatada por Helena, Kat e, sobre todo, por Nico. E por iso acabaran todos eles en Cinco Calles, porque era o seu fado voltar dalgún xeito a este Mundo a encarar o seu destino.

Podía ser? A visión de Helena do barco... as alucinacións de Nico ao verse como un dragón, as estranas habilidades que amosaran ao enfrontarse aos homes de serrín de Fonseca... eran, en realidade, fillos do Derkesthai?!?

Cando xa non tiñan máis preguntas e o cansazo podía con eles, Isis convidóunos a que foran cada un para a súa cama. Deitounos e desexóulles descanso e bos soños.
Cada un soñou o mesmo, un soño moi raro.
Nico era un dragón humanoide, ou un humano draconil. Coas súas potentes pero finas gadoupas collía a taza de té que Isis lle tendía. Esta preguntáballe: "Agora que sabes a verdade... continuarás ou preferirías dar volta?". Nico respostou sen medo: "Continúo".
Helena era un paxaro de cor negra, que se pousaba na cadeira ante a mesiña de Isis. Cun chiscar de ollos recuperou a súa forma, e colleu a taza de té que Isis lle daba. Esta dixo: "Agora que sabes a verdade... continuarás ou preferirías dar volta?". Helena respostou sen dubidar: "Continúo".
Samuel era invisible, pero non o era... partes do seu corpo se volvían transparentes e podía ver ao seu través. Isis tendéulle una taza de té e preuntoulle: "Agora que sabes a verdade... continuarás ou preferirías dar volta?". Samuel dubidou... "A verdade é que agora que estamos sós aquí teño unhas preguntas que che facer". Isis quedou estranada: "Antes, cando era o momento das preguntas, non as fixeches... agora esa oportunidade está perdida... continuarás ou darás volta?".
"Primeiro quero que me contestes unhas preguntas", dixo Samuel. "Agora xa non é tempo de preguntas para ti, só de respostas: continuarás ou preferirías dar volta?"...
"Primeiro quero que me contestes unhas preguntas", insistíu Samuel. "Agora xa non é tempo de preguntas para ti, só de respostas: continuarás ou preferirías dar volta?"...
"Primeiro quero que me contestes unhas preguntas", dixo Samuel. "Agora xa non é tempo de preguntas para ti, só de respostas: continuarás ou preferirías dar volta?"...
"Primeiro quero que me contestes unhas preguntas", insistíu Samuel. "Agora xa non é tempo de preguntas para ti, só de respostas: continuarás ou preferirías dar volta?"...
Cando Helena e Nico acordaron Samuel aínda durmía, e non espertou cando chamaron por el. Isis díxolles que aínda non decidira o seu camiño, pero que eles tiñan que almorzar axiña, xa que o Ancián viría a por eles para levalos xunto ao Mestre que os conduciría pola súa agogé, o seu crecemento interior para entender o que eran, para coñecerse.
Cando o Ancián chegou viron que era un home encarapuchado con pinta de ser moi vello (pero non lle viron a cara, só unha mesta barba branca saíndo de debaixo da carapucha), cuberto cun pesado hábito, que se suxeitaba á vida por medio dun báculo e que tiña un pesado libro baixo o brazo (o Libro dos Nomes, onde tamén estarían os verdadeiros nomes dos fillos do Derkesthai).
Almorzaron e despedíronse de Isis e do durminte Samuel. Isis déralles uns cómodos traxes de liño branco (camisa, pantalón e roupa interior) e unhas sandalias. Amais diso unha mochila tan só con comida, así como un pao de camiñante.

Isis despedíunos dende a porta até que se volveron tan só puntiños ao lonxe naquela vasta planicie cincenta. Nico e Helena seguían ao vello cara algures, cegamente, deixándose levar só pola Fe que tiñan depositada en si mesmos e en que todo sairía ben.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Hola, no sé cómo llegué hasta aquí...pero me gustó tu blog y lo recorrí un rato.
Me cuesta leerte, lo intenté igual. Buenas imágenes descubrí en el relato.
Cariños desde Argentina

O Breogán de Gáidil dijo...

Saludos, Viviana.
Este relato es la transcripción de las partidas de un juego de rol al que estamos jugando. Lo que los personajes hacen durante la partida, lo escribo en este blog.
Gracias por el esfuerzo de intentar leerlo y por la crítica positiva.
Un abrazo ultramarino.