lunes, 8 de octubre de 2007

Reencontros I

Nico espertou cun gato laranxa subido no peito. Asustouse ao primeiro pero logo lle fixo tanta gracia ter o gato enriba que se deixou estar. Mirou ao seu redor. A casa estaba revolta: colchóns e mantas tiradas no salón, o Espello non estaba, restos de comida... E ninguén na casa.
Acababa de ter un sono estrano, no que se vía acoitelado por Samuel por algún motivo. Sen dúbida era por culpa de Nico, algo malo fixera e por iso o castigaban. Era por ser o que era. No seu soño estaba nun prado de cor branca baixo un ceo azul intenso, e tiña nas mans a louza que tiña o debuxo do derkesthai: o vixiante, ese debuxo dunha cova e un dragón que tiña unha cara parecida a el mesmo. No soño o señor que o atendera no banco de Compostela víñalle cuns papeis e lle preguntaba se ao final quería invertir esas 500.000 pesetas en tempo. Era a mellor inversión: o tempo.
Logo de asinar espertou de súpeto tumbado no sofá co gato enriba.
Non atopou nin a Samuel, nin a Helena nin a Kat. Seguramente estarían no traballo, sendo como eran as 12:30. Case sen dar creto descubríu que o Espello estaba reparado, completo. "Estes cabróns" pensou, "mada carallo na Habana".
Comezou a facerlle uns mimos ao gato mentres pensaba no Espello e nos seus compañeiros e, de súpeto, na súa mente escoitou "E logo que, non buscas aos teus amigos?". O gato estaba a mirar para el, e non había ningén máis na casa.
A voz soaba na súa cabeza cunha monótona cadencia, a típica dun redicho resabido. Nico estaba abraiado. "Os teus amigos deberían estar en Axeitos, pero non é así... eu de ti os buscaría do outro lado". Logo pideulle a Nico que o deixara saír, cousa que fixo: chegaba cheiro a peixe fresco dende a Praza de Abastos, rúa a baixo.
Nico tardou en reaccionar, pero esa reacción foi enérxica. Comezou a preparar, con alcol e drogas, un preparado parecido ao que tomara aquela noite que se espira diante do espello e tivera aquelas alucinacións. Nunha media hora tiña lista a beberaxe.

Vestido só cunha camiseta e uns boxers brancos, Nico acendeu as variñas de incenso e bebeu aquel líquido verdoso mesturado con azucre sentado diante do Espello. O reencontro coa súa imaxe foi como agardaba: Nico tiña un lume interior que facía que se sentira poderoso e indestructible. Dúas ás membranosas ás costas do reflexo desplegáronse. Nico non as notaba, pero no Espello o seu reflexo as tiña... era un dragón, e o sabía dalgún xeito.
Un intre despois comezou a chover sobre o Espello. Era unha choiva que caía dende dentro, dando a sensación estrana de estar baixo a auga vendo como chove. O Espello formaba un fermoso debuxo de ondas concéntricas. De súpeto esa choiva caeu coma unha fervenza sobre Nico. Asulagado e sorprendido, a auga o rodeou e o absorbeu contra o Espello. Estaba mergullado a varios metros da superficie dun mar escuro sobre o que caían lóstregos e choiva a cachón. Cun esforzo extremo aboióu na superficie batente do mar. As ondas o levaban dun lado a outro na escuridade, a choiva non permitía ver case nada, pero entre as tebras puido distinguir unha luz parecida a un pequeno faro, non moi lonxe na distancia.

No hay comentarios: