jueves, 9 de agosto de 2007

συντήρησις (I)

Sindérese.
Capacidade natural para xulgar correctamente.

É difícil cando perdes toda perspectiva, pero a mente aguda, a torpe, a simple, a racional ou a irracional sempre o tenta: xulgar correctamente. Non se sabe se de xeito egoísta ou se hai unha especie de teoría monitor pola cal podemos xulgar todos dun xeito común.
E todo por non tolear.

Esa noite durmiron mal, e a mañán seguinte non foi mellor. Cada un marchou cos seus pensamentos. Samuel e Kat pensaban na borrosa nena de túnica que estaba nas fotos polaroid, nas que lle sacaran ao espello usando flash. Nico seguía de baixa, pero se preparou para ir a pagar a súa parte do piso ao Banco. A raiadura que lle fixo ao chan ao empurrar polo espello (e a espectacular entrada do Sr. Bombín a paraugazo limpo) o tiñan algo preocupado. Helena tiña hora libre a media mañán, e cos cartos que todos xuntaran ía ir mercar o espello de man á casa de antiguedades.

O xefe de tese de Kat, Ismael Sánchez, era unha fonte de información estrana. Ao chegar a Historia xunto con Samuel, Kat entrou decidida a que este home, xa maior e con moita experiencia, lle esclarexara certas dúbidas. Ismael quedou sorprendido ao ver as fotos polaroid da vaixela, e despois de estudalas durante un logo rato decidíuse a ir a Documentación a pedir un par de catálogos, deixando a Kat no despacho.

Ismael tiña todo o aspecto de profesor universitario típico, de gafas de pasta ancha, traxe a cadros, chaleco e pipa. Ese foi o aspecto que lle veu Samuel cando o víu achegarse á súa mesa. "Perdoe xoven, preciso o Catálogo Henrickssen de Porcelás do século XVII, sección M". Samuel quedou con cara de "perdoe pero eu só traballo aquí". O pobre rapaz explicóulle que el era un simple informático que tiña que catalogar os libros, non un bibliotecario do centro. Aínda así coincidíu que o libro que o vello mestre buscaba estaba ao lado de Samuel. Coincidíu.
Despois de parolar un chisco sobre o café da cafetería, voltou con Kat a comentar o tema da vaixela.
Helena non tivo problema en mercar o espello de man, que xa estaba reservado.
Pola súa banda, Nico foi camiño do Banco, a pagar a súa parte do piso. O banco chamóulle moito a atención. O home que se parecía tanto ao Sr. Bombín, pero máis delgado, recibíuno con ansia. "Benvido, don Nicolás. Xa pensaba que tería que ir buscalo". A verdade, despois de ver a reacción do sr. Bombín ante a raiadura do chan, temía calquer aceno de calquera que estuvera ao redor desta tolemia. Aínda así sorríu e seguíulle a corrente ao homiño, que cobrou o piso sen máis mentres falaban animadamente, con Nico chamándolle ao pobre banqueiro "sr. Bombín" e este negándoo constantemente.
Logo Nico víu algo estrano. Un papel de publicidade do banco. Na parede un enorme contador con tipos móbiles estabas sendo actualizado por un dos traballadores do banco... algún tipo de panel para valores bursátiles. Un dos valores era o Tempo. "Interésalle investir en Tempo, don Nicolás?". Nico non comprendía... en "Tempo"? "Si, meu xove amigo: Tempo. Dependendo do que invista neste valor obterá máis ou menos beneficios, beneficios que repercutirán, claro está, no seu Tempo. Nico non daba creto ao que escoitaba... investir en Tempo... era imposible que algo así funcionara. Aínda así non tiña os cartos para a inversión mínima, pero o pensamento dun mellor Tempo para el era moi tentador.

Ao xantar Nico pedíu a un compañeiro de Farmacia que lle trouxera unha serie de compoñentes para analizar o material do que estaban feitos os espellos. Antes da comida estivo ollando a vaixela. Unha das pezas, a que poñía Intra Éidolon era máis pesada e grosa que o resto, e ante a mirada atónita de Samuel e Helena, que estaban cociñando, Nico parteu a fonte en dous, para ver como do seu interior xurdía un pequeno estuche dun material escuro que, ao abrilo, amosou un espello portátil. Aquilo se complicaba.

No hay comentarios: