martes, 14 de agosto de 2007

συντήρησις (II)

Kat quedara de xantar en casa do seu tío, para poder falar coa súa avoa. A pobre estaba moi senil, pero Kat conseguíu arrincarlle un par de cousas, como que na súa antiga casa perto de Axeitos gardaba certas pezas de louza e espellos antigos, cos que adoitaba a "bruxear" cando era nova.

Namentres no segundo piso de Cinco Calles Helena e Samuel coñecían a Felipe, un dos compañeiros de Nico en Farmacia. Nico prometera a Felipe, un "jevicheiro" de toda a vida, presentarlle a unha "cachonda tela", neste caso Kat. Os planos, claro, saíron mal cando Nico soubo que a moza xantaría fóra, pero para o caso unha "medio-punkie-gotiquilla" como Helena tamén lle valería.

Felipe resultou ser un rapaz moi simpático, co que compartiron café e postre (en opinión dalgúns bastante máis agradable que Nico). Pero ao pouco tivo que marchar xa que, como lle lembrou a Nico entre chanzas, "o que está de baixa es ti, e o que fai o meu traballo e mai-lo teu son eu, cabronazo". Kat chegou daquela, cando Felipe estaba a piques de marchar. Metéuse no seu cuarto con intención de analizar o espello, con tan mala sorte que se cortou con el. Ao vela saír do cuarto en dirección ao baño con sangue na man, Samuel foi a axudala. Alí, a soas, Samuel confesóulle que el tamén se cortara co seu propio trozo de espello, ao extraelo da furna de cinzas da súa avoa... un corte que cicatrizaría só, tal e como lle ocorreu o día en que, por casualidade, volveron a atoparse naquela sala de espera do Hospital Xeral.

Kat non dixo absolutamente nada con respecto á bandexa rota por Nico (pero comentou que, de seguro, había outras maneiras de consegui-lo estuche-espello), nin polas raiaduras do chan que fixera arrastrando o Espello da sala. Durante bastante tempo continuaron coa catalogación das pezas (con algunhas con debuxos moi curiosos, onde gatos protexían a uns ratos que atesouraban cartos nun banco), co debate sobre repara-lo espello grande, sobre a proposta do Home do Chapeu... Foi entón cando Nico calou de súpeto. Unha das fontes da vaixela tiña un debuxo estrano... era como o mapa dunha cova vista dende o aire, e a disposición era estranamente parecida ao piso de Cinco Calles. Xusto no centro do debuxo había un dragón durmindo, e no decorativo entrelazado que percorría o borde podíase ler en letras gregas a palabra "derkesthai". Nico, parado ante esa imaxe, tivo unha especie de sensación estrana, unha sinerxia dos elementos, recordos subconscientes e inconscientes e de todo o que había nese piso... algo alén do seu entendemento.

Tratou de entender todo o que á súa mente sobreviña. Se o entendeu non o sabemos, pero o que si fixo foi caer na conta de que o Espello grande debía ser recontruído xa. Esixíulles aos demais as pezas do espello. Kat dixo que non, que había que agardar un pouco máis. Quería visita-la casa da súa avoa en Axeitos antes de precipitarse. Nico non deceu... sentía lume correndo polo seu interior, unha ira inmensa. Víu a Samuel diante e foise a el... "dame o teu trozo de espello agora mesmo, non cho estou pedindo!". A situación foise de man. Nico comezou a empurrar aos outros, controlado por unha ira non propia del. Algo facía que actuase dun xeito brutal e bestial. Tiña que coidar do piso, protexelo, e o único xeito era recompoñer o Espello.

Samuel tiña que facer algo. Víu que en calquera momento Nico podería atacar ás rapazas, e mesmo a el. Foi entón cando Nico o agarrou polo pescozo... Samuel lle lanzou varios golpes, incluso un moi potente á gorxa, pero o seu contrincante nin se inmutou... a pel de Nico queimaba, parecía que as súas veas levaban lava en troques de sangue. Samuel meteu man na súa bandoleira e sacou o seu trozo de espello, aquel que repousara nas cinzas da súa avoa e que agora levaba cun lenzo ao redor para poder agarralo coma se dun coitelo se tratase. Nico sorríu, considerando que á fin lle ían entregar o que esixía.
Samuel amarrara un pequeno trozo de lenzo no espello, para poder asilo coma un coitelo sen se cortar, e así o fixo... Sen dubidalo, esgrimíndoo, logrou chantarllo no brazo dereito. Todo sucedeu en milésimas de segundo... o tempo detívose, era como unha foto en tres dimensións de catro persoas conxeladas nun salón.

Nico soltou a Samuel e deu uns pasos vacilantes cara atrás... volvía a ser el, co ollar dun simple mozo de vintepoucos, becario en Farmacia, que tiña un espello profundamente cravado no brazo. Lentamente comezou a tirar del, para poder extraelo... os demais estaban estupefactos, sobre todo Samuel, que acababa de decatarse do que fiera: por pouco mataba a unha persoa.

Nico pensaba nas súas arterias braquial, radial e cubital... a ferida non parecía que as tivera afectado, pero o sangue fluía sen parar... veas, músculos ao aire... hiperventilación... notaba a cabeza chea de algodóns, e a inmediata sensación de mareo e de caída inmediata. Os outros tres viron cómo Nico caía de fuciños contra o chan, cos brazos abertos. O camiño cara o chan rematou cun golpe seco e xordo.

Kat e Helena reaccionaron e foron a axudalo dalgún xeito... xusto no momento en que o sangue de Nico se espallaba polo chan... unha marea vermella que comezaba a se extender por roupa, alfombras... de súpeto o sangue chegou ás raiaduras no chan. Abraiados, os tres mozos viron como o sangue de Nico cubría esas raiaduras, e como estas lentamente desaparecían, como curadas polo efecto do sangue sobor delas!

En intres coma ese a capacidade para xulgar correctamente, a así chamada sindérese, desaparece.

No hay comentarios: