Ao día seguinte (un día escuro, con enormes nubes negras cubrindo a imperceptible luz do sol) os tres mozos tiveron un almorzo lixeiro servido pola sen par Nieve, que parecía levar xa horas traballando.
Como non tiña roupa axeitada, Nico decidira mercar algo ao xeito: botas e un traxe típico deste lugar. Nieve se encargara de todo e llo trouxera envolto en papel de estraza. A roupa acaíalle á perfección, aínda que a Samuel e a Helena lles daba bastante a risa.
Durante o almorzo estiveron falando e debatindo qué facer á parte da cita con Gastón. Preguntáronlle a Nieve se lles podía axudar, pero estaba demasiado ocupada como para deixar a taberna. Un comentario un tanto fóra de tono de Nico sobre o xeitosa que era Nieve tivo como resposta un lene movemento da man da rapaza. Samuel decatouse, pero non dixo nada. De súpeto Nico botou as mans á tripa e saíu correndo para un "desaloxo de emerxencia" que tivo que levar a cabo en plena rúa, sen nada para se limpar agás a súa vella camiseta.
Ao final Samuel case convenceu a Nieve para que lles ensinara a cidade, a partires das seis da tarde. Se ela podía, así faría.
De alí a pouco, con Nico recuperado do apretón, chegou un fachendoso neno-gato que deixou un paquete de parte de Gastón para os seus "colegas": tres espadas ropeiras estupendas. Ben, non tan boas como a que parecía ter Gastón pero, cando Samuel (que algo sabía do tema por ser coleccionista amateur) a sopesou víu a extraordinaria factura e bo tento que daban. Nico e Samuel colleron as súas, pero Helena non quixo saber nada do tema, deixándoa a recaudo de Nieve.
Con case unha hora de tempo até a cita decidiron dar unha volta. Comezaron a encadear lugares. Saíndo pola porta tiñan de frente o estrano peirao de pedra... Helena tentou buscar un lugar de referencia e, un par de segundos despois decatouse de onde estaban: a taberna era case equivalente ao Bar Azul, mentres que a costa de pedra que facía de peirao introducíndose no escuro mar debía ser a Porta Faxeira! As distancias estaban cambiadas, pero botándolle imaxinación podías distinguir as rúas do Franco e do Vilar, e a subida por Bautizados cara o Toural, lugar polo que se meteron.
A praza do Toural estaba distinta: unha enorme fonte a ras de chan, coa estatua dun guerreiro armado con escudo e lanza no medio facía de abrevadeiro arrodeada de bestas, tenreiras e ovellas. Viron á man esquerda un cartel que puña "Apotecario" cunha estrana lámpada acesa ao seu carón.
Nico víu que se trataba do equivalente a unha botica ou algo así, e entrou a saco. Falando cun par de xemelgos que había detrás do mostrador (uns vellos calvos de gafas pequeneiras, que repartían a atención entre o estrano rapaz de as apócemas que parecían ultimar) conseguíu unha entrevista de traballo para iso das sete da tarde. Todo orgulloso saíu de novo á praza a contarllo aos seus amigos.
Os tres se puxeron de novo en marcha, seguindo a que se supuña era a Rúa Nova, chea de postos en plan tenderete onde se vendían todo tipo de artículos, dende medallóns até... espellos? Helena quedou cravada no sitio: un espello dun aspecto afín aos que foran atopando nesta aventura! Helena achegouse á muller propietaria do posto para compralo. Tivo que pedirlle cartos a Nico (que insistía en relear coa vendedora), pero fíxose con el. O espello era pequeno, de viaxe, e como marca de fabricante puña "Berenguela-Mayer, 1990".
Seguindo o camiño chegaron ao final da Rúa, onde cun poucos pasos máis chegas á Quintana, coa intención de chegar ao Banco de Compostela (que, polo que lles contara Nieve, estaba na praza que equivalería á da Acibechería). Cando se prantaron na entrada sur da suposta Quintana comezaron a tremer. Unha cancela de metal enferruxado ante eles, cunha estreita porta de metal que daba lugar a un espazo totalmente opaco por un denso banco de brétema escura. Debatiron sobre a posibilidade de tomar unha ruta alternativa, pero vendo que faltaba cada vez menos para a cita con Gastón (o reloxo dixital de Samuel funcionaba aínda) decidiron atravesar aquel lugar.
Era un campeiro de terra negra e húmida no medio dunha cidade de pedra. Ao camiñar en dirección norte (ao que sería a Quintana de Vivos) tiñan que pisar moi a modo: aquelo era un cemiterio , con lápidas marcadas por nomes de toda clase, algunhas con cruces, outras con estrelas de David, outras con marcas de gadoupas de gato ou de rato. Cruzáronse cunha sombra estrana, un ser encarapuchado, que lles deu moito respecto, pero que ao final tan só era unha muller-rato que os saudou e foi a visitar a un dos mortos.
Continuaron camiñando e deron coa saída do noroeste, subindo un talude de terra cara onde se supuña que estarían "Os Literarios"... como non agardaban menos, había unha baiuca onde ducias de escritores se afanaban en rematar obras de inmenso coñecemento, ledicia, amor, tristura, violencia, luxuria...
E despois, o Banco. Aló atoparon a un rato gordo coma el solo, que a Nico lle lembraba ao tipo que o atendera o día que arranxara os pagos do piso... aquel que lle propuxera "investir en Tempo". Tan pronto entrou e se identificou, o rato sacou uns documentos onde se confirmaba que realmente Nico metera cincocentas mil pesetas en Tempo. Sen saber moi ben que dicir, Samuel e Helena cambiaron os cartos (pesetas) que tiñan, por unhas ducias de maravedíes, a moeda do lugar. No banco enteráronse de que o taller do tal Mayer (o dos espellos) estaba na rúas dos Espadeiros, onde tamén estaba o taller do artesán Brilares
Logo movéronse en dirección a Cervantes, que resultou ser a Praza do Campo, cun enorme mercado de tenderetes cheos de alimentos, utensilios variados, roupa, racións de caldo a maravedí o tazón... quizáis non tan chic coma o da Rúa Nova, pero sí máis útil.
Pasárono de longo e se meteron polo Preguntoiro (era incrible como todas as rúas desta Compostela encaixaban coa outra) onde un pregoneiro berraba axudado por unha campá que ningunha liorta entre os Xelmírez e os Fonseca sería aceptada... O rei García estaría vixiante ante calquera alteración da Orde. Curiosos, os rapaces continuaron camiñando.
Cando chegaron ao Cruce, viron que todo encaixaba. A casa de Cinco Calles era moi afín a esta do Cruce das Cinco Rúas. A diferencia principal era que a pedra estaba ao aire en troques da caleada, e que a casa, de arriba abaixo, estaba clausurada. Grandes talóns bloqueaban as portas e fiestras, impedindo a entrada. O Cruce estaba deserto, e tan só chegaba o lene e lonxano barullo do mercado.
Foi entón cando da costa onde estaría Fonte Sequelo chegaron 4 homes. Vestían roupas negras cunha cruz vermella, parecida á de Santiago, no peito. O aspecto seral era coma os espadachíns do século XVII:botas altas, capa, sombreiro... es espadas.
Un deles achegouse a Samuel e lle dixo: "Sodes un langrán e un porco". Samuel dixo: "Vale" querendo deixar sen palabras ao belixerante individuo. Aínda sí o tipo tiña máis que dicir e continuou insultando, e de aí a pouco botou man á espada. Todo se desmadrou.
Samuel colleuno do pulso antes de que puidera saca-la espada, e retorceullo nunha doorosa luxación. O compañeiro deste sacou a esapda e ecarou a Samuel, que tivo que usar ao que tiña agarrado como escudo. Outro deles botóuse a Nico quen, nin corto nin perezoso sacou a espada e comezou a lanzar torpes estocadas que o seu contrincante desviaba cun sorriso cruel na faciana. Outro comezou a andar lentamente cada Helena, que estaba desarmada.
Foi entón cando ocorreu.
O que tiña agarrado Samuel tentou sacar un coitelo, e o rapaz tivo que empurralo cara diante para evitar ser apuñalado. Logo sacou a espada ropeira e encarou aos dous rivais que tiña diante.
Nico comezou a sentir un tremendo ardor de estómago e notou cómo a bilis ascendía cara a súa boca, queimándoo por dentro... en pouco tempo non podería defenderse do seu contrincante.
Helena comezou a berrar pedindo axuda, e os seus berros eran cada vez máis altos.
Nun só intre ocorreu o inimaxinable. Nico non aguantou máis e vomitou sobre o seu opoñente... unha carga de un líquido incandescente xurdeu da súa boca e incinerou ao espadachín que, sorprendido, non puido senon morrer calcinado alí mesmo. Helena, cercada e cunha espada case no peito, deu un tremendo berro, un deses berros que provocan unha súbita sinestesia onde as ondas sónicas viaxan polo ar. Esas ondas impactaron de cheo contra o seu asaltante, erguéndoo polos aires unsquince metros contra o primeiro piso do edificio de enfronte. Bateu contra a parede e caeu ao chan inerte. Samuel tiña que moverse axiña. Nin só chiscar de ollos, sen saber cómo, estaba detrás dos seus contrincantes, coa punta da espada na caluga do que parecía o xefe.
Os tres se miraron un intre sen saber qué ocorrera, cómo foran quen de facer tales fazañas.
Os que loitaran contra Nico e Helena estaban mortos, mentres que os outros dous foron espidos e interrogados no medio da rúa. Ao parecer estaban ás ordes de Fonseca, en concreto ás de un tal Don Álvaro, conselleiro do propio Fonseca.
Examinando tanto a vivos como a mortos viron que tiñan unha extraña válvula (parecida á dun depósito de gasolina dun coche) no medio do peito. Deixaron marchar ao supervivintes e examinaron os cadáveres. O calcinada non valía para nada, estaba reducido a cinzas. O outro estaba esnaquizado no chan, e quedaron arrepiados cando comprobaron que do seu interior só saía serrín... serraduras moi finas coma se dun boneco de trapo se tratara. Nico colleu unha das botas dos espadachíns e a encheu un pouco con ese serrín, co gallo de analizalo máis tarde e, para a sorpresa de todos, algo duro caeu na bota. Remexendo sacaron unha estrana pedra vermella, parecida a un rubí. Examinando o cadáver calcinado atoparon outra... Samuel as gardou. Nico colleou unha das espadas e tentou abrir a porta do que era, no Outro Lado, o sau piso de Cinco Calles. As táboas estaban moi ben apuntaladas, e non o conseguíu.
Nese intre chegaron correndo pola rúa do mercado tres homes gato: Gastón, o Licenciado e o gato branco e negro, coas armas listas e con pinta de ter loitado hai pouco. "Tendéronnos unha emboscada vindo para aquí... En fin, xa vemos que vós tamén tivéchedes problemas, pero que vos sabedes apañar" dixo Gastón mirando para os cadáveres. "Hai que liscar antes de que chegue a sentinela da cidade. Será mellor que vos levemos á miña casa. Alí poderemos falar tranquilos e, cecáis, poidádesme axudar cun asunto".
Helena, Nico e Samuel, acompañados polos tres homes gato, puxéronse en marcha cara a que, noutro mundo, era a Praza de Cervantes.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario