domingo, 30 de noviembre de 2008

Vixía

Que saibas que non me importa que me vixíes... sexas quen sexas.

martes, 18 de diciembre de 2007

Devoradores de Soños II

Pensando varias liñas de acción, acordaron que a mellor, ao final, era entrar ás bravas.

Non había rastro de ningún lobo nin de ningún "oniróvoro", fose iso o que fose. Mirando cara a fiestra do piso onde, segundo os soños, estaba a nena, Nico tentouse transformar en dragón e voar aló. Non o conseguíu. Si se transformou Helena, nun escuro corvo. Nun plis chegou a ver a fiestra, e á nena durmindo, e un par de ollos vermellos brillando baixo a porta do seu dormitorio. Cun longo berro avisou a Samuel e Nico. Este último, forzando a súa vontade ao máximo, logrou transformarse á fin nun dragón humanoide de case dous metros de medio. Samuel (que recollera os dous bonecos da basura) agarróuse a el e comezaron o ascenso, que partíu cun inmenso impulso das ás de Nico.
Cando chegaron á altura do piso viron que ques sería case imposible abrir os enormes ventanais así que o dragón cargou contra eles. Os cristais partiron en mil anacos, pero nin a nena nin os pais (que se podían ver ao outro lado do pasillo vendo a tele... unha tele que puña de maneira repetida tan só mensaxes coma "SE OBEDIENTE", "DOBRÉGATE", "NON RESPOSTES", "NON PENSES") se decataron de nada. Nico e Samuel prantaron cara ao inmenso lobo despeluxado de ollos vermellos e terribles que entraba pola porta da habitación. O Oniróvoro ensinou as enormes filas de dentes e sorríu. Só cando víu aos "gardas" da nena dubidou un intre.
Ollou longa e detidamente cara o mozo que o encaraba, armado cun broquel e cunha gladius e cara o dragón humanoide que lle ensinaba os cairos. Un corvo de ollos amarelos sobrevoaba a habitación. Os dous "gardas" adquiriron vida ao instante e se colocaron onda a cama da nena.

Helena, en forma de corvo, saíu pola fiestra voando en dirección cara as antenas da azotea, para tentar corta-la transmisión coa súa katana. Atopou aló a dous cans sen pelexo que custodiaban as antenas: tivo que loitar contra eles a espadazo limpo.

O Oniróvoro saltou a por eles: Nico usou as súas gadoupas para tentar agarralo e Samuel, protexéndose dos dentes da criatura co broquel, cravou a galdius contra o seu lombo.
Como en calqueira combate onde a vida está en xogo, ningún dos dous mozos sabería dicir canto durou aquilo. Só descubriron o corpo en descomposición do Oniróvoro ante eles e as súas armas, gadoupas e dentes manchados co seu sangue: a criatura estaba morta. Só un fume escuro que pronto desapareceu quedou de tal ser. Nin a nena espertara, nin os pais parecían acordar.
Helena despachou sen dificultade aos ous cans e logo chamou aos outros. Tentaron corta-lo cable da antena sen éxito. A marca da mesma era MantyCore.
De novo no piso Nico decidíu que había que rematar con esas mensaxes na tele do único xeito posible: coa súa monstruosa forma irrumpíu no salón e arrincou o cable da televisión da parede e logo derrubou a tele contra o chan. Os pais sufrían algún tipo de transtorno mental... tan pronto perderon a conexión coa tele (que parecía ter tóda-las respostas) quedaron como catatónicos e perdidos, mesmo ante a presenza dos tres mozos en tales circustancias.

Só Uxía, a nena, despertou. Mirou para eles dende a cama e dixo "Eh, eu coñézovos! Soñei con vós!" e colleu un debuxo que tiña baixo a almofada: efectivamente no debuxo víase a unha especie de guerreiro ou paladín, a un home-dragón e a unha muller corvo. Os tres sorriron e logo a arrouparon para que seguise a durmir.

Logo, sen máis, marcharon coa tarefa feita.

miércoles, 12 de diciembre de 2007

Devoradores de Soños I

Os tres espertaron esa mañán de venres desfeitos, pero cunha agradable sensación no corpo.
Despois dun lixeiro almorzo retomaron as súas vidas: Samuel foi ao traballo en Historia, Helena á facultade de Filosofía en Mazarelos e Nico... ben, Nico estaba "oficialmente" de baixa, así que durmeu un chisco máis.

Ao final erguéuse e foi ao Banco de Compostela. Alí estaba aquel home baixo, gordo e con cara de rato que tanto se parecía ao señor Bombín, pero que non o era. Nico estivo un rato longo falando con el, sobre todo do seu investimento en "tempo". Ao parecer os valores ían moi ben, e comezaba a ter un lixeiro beneficio. Nico preguntou polo señor Bombín (o home do banco chamáballe Señor Amalgama, aclarou) pero seica non estaba. Tamén comentaron cousas da viaxe á Compostela Oculta. O señor que se parecía ao señor Amalgama falóulle de certa tenda que só abría ao serán, unha tenda onde poderían atopar certos compoñentes e materiais afíns á súa nova condición. Estaba nunha praza interior entre as dúas Algalias.
Nico marchou entón do banco, coa estrana sensación de que meterlle un bo mordisco ás barras de ouro que tiñan colocadas perto da caixa de rexistro sería moi saborento. Pasóulle volvendo á casa... paraba en calquer escaparate de acibecheiros e prateiros para mirar as xoias, como quen mira unha selección de fiames e queixos. Era moi estrano. De paso que saíu foi ao museo de Historia Natural de Santiago, no Campus Sur. Deu un par de voltas por dentro e atopou o ovo do que lles falara O Mestre: "atopado nunha cova perto da praia de Doniños; arredor de 75 millóns de anos". Comprobou que para sacalo dalí poñendo como excusa unha investigación en Farmacia levaría alomenos un mes de papeleo. Aínda así, botando un ollo, non víu demasiadas medidas de seguridade alén da porta principal do edificio e algunha cámara medio perdida.
Foi á compra e preparou un xantar para os seus amigos. Lembrou entón, facendo a comida, que tiña no seu pequeno laboratorio portátil unha pepita de ouro. Foi até ela e, case sen pensalo, comeuna. E, curiosamente, sentóulle moi ben, e súpolle aínda mellor.

Despois dunha mañán aburrida, Samuel e Helena voltaron á casa. Nico servíulles o xantar e falaron un chisco de todo o que ocorrera. Era como se falaran de algo moi cotián. Logo dun bo xantar e duns cafés e tés, foron botar unha sesta.
Os tres soñaron cousas afíns: un bloco de edificios... en Compostela pero fóra do que era o centro... un edificio alto, duns dez pisos... un enorme e horrible ...lobo? asexando entre a herba cos ollos de vermello aceso e os dentes enormes en filas coma un dun tabeirón... unha nena na súa cama... uns pais vendo un televisor cheo de mensaxes estranos: Sede Servís, Non Protestedes, Non Pensedes, Obedecede, Non Miredes...
De súpeto o lobo estaba no piso... entraba na habitación da nena, que durmía... entón dous bonecos (un rato de cor azul recheo de algodón e unha boneca chochona de mofletes encendidos) se puñan en pé dun salto e encaraban á criatura... forzábana a saír da habitación, pero ésta, cun sorriso torto, miraba relaméndose para a nena mentres marchaba.
O soño continuaba ao día seguinte, co pai explicándolle á nena (que non tiña máis de nove anos), que xa era maior para ter xoguetes por toda a habitación, e que había que se desfacer deles. O lobo, oculto entre a herba, sorría de novo.

Nico, Helena e Samuel espertaron a un tempo. Eran sobre as sete e pico da tarde. Cometaron os detalles dos seus soños e concatenaron informacións: ao parecer o bloco de pisos estaría situado máis ou menos por Salgueiriños, fronte o antigo Mercado de Gando.
Debatiron sobre se ir xa ou non. Parecía que esa criatura puña en perigo a vida da nena... Estarían de volta no mundo para eliminar a eses seres? Pero Nico tamén tiña curiosidade por ir á tenda entre as dúas Algalias. Ao final resolveron pasar rápido pola tenda e logo ir en bus (menudos heroes) até Salgueiriños.

A tenda estaba, en efecto, entre as dúas Algalias, case fronte os xulgados. Había que fixarse ben para atopar a entrada a esa praza interior, pero alí estaba. Na esquina máis afastada había unha porta de madeira moi vella, sobor da cal colgaba un letreiro que puña "O Curruncho do Mago". Cando entraron na tenda cuberta de pó e chea de todo tipo de obxectos (armas, globos do mundo, roupas, libros, pergameus, brúxulas, astrolabios, armaduras...) un home delgado de faciana afiada e gafas finas de pasta, co pelo revolto e unha túnica púrpura de mago (desas cheas de lúas e estrelas) apareceu de entre un montón de cousas que había no chan cun enorme e sentido "Benvidos á casa do porder suporemo onde todas as preguntas poden ser repostadas... Abride a vosa mente e viaxade a outros Mundos Posibles que están aquí mesmo". Sorprendidos, os tres mozos comentaron que xa estiveran nun deses mundos, e que o señor do banco os mandara até eiquí. Falaron moito co propietario da tanda, de nome Abelardo, e mercaron un par de obxectos (Nico un vademécum de alquimia e Samuel un libro sobre viaxes a outros Mundos) e pasaron follas a un par de libros curiosos. Consultando sobre ese ser "lobuno" que viran no soño, viron que se trataba dun ser chamado Oniróvoro. Estas criaturas se encargaban de roubar os soños aos nenos, e así rematar transformándoos en adultos. Só os "gardiáns" protexen a estes nenos e a estes soños. Pero co tempo os "gardiáns" desaparecen e o Oniróvoro ten vía libre.
Non podían permitilo. Colleron o autobús en San Roque e baixaron en Salgueiriños. Eran xa as nove e pico da noite.
Pouco tardaron en recoñecer o bloco de pisos: nada máis velo souberon cal era. Ante o alto edificio había un gran contedor de basura. Dunha bolsa de plástico que sobresaía viron que asomaba unha perna de plástico. Abriron a bola e no seu interior atoparon o rato xigante e a boneca chochona: estes debían ser os seus "gardiáns". Miraron cara o sexto piso, aquel onde (segundo o soño) vivía a nena, con temor nos seus ollos.

Na súa cama, a pobre e confiada Uxía, estaba desprotexida.

lunes, 26 de noviembre de 2007

Entelequia

Samuel soñaba con Isis, e a dúbida o asaltaba: qué era mellor? Seguir e conseguir o poder para vencer a xentes como Gárgola? Ou partir deseguido sen perda de tempo e facer o que puidera co que xa tiña? Era unha lousa demasiado pesada, unha dúbida demasiado grande como para precipitarse. Se optaba por continuar cecáis podería ser quen de coñecer o seu poder e usalo para defender aos seus amigos e á súa familia. Pero nese tempo de aprendizaxe estarían en perigo. Se partía agora a defendelos sería peor: sen poder non podería senon morrer ante seres co poder de Gárgola.

"Continúo" e Isis sorríu.

Acordou e Isis preparoulle un baño, o almorzo e un deses traxes de liño. "Se apuras", lle dixo, "cecáis os alcances antes da noite". Co sorriso de Isis e a sía inquedanza, Samuel partíu seguindo o camiño.

Helena e Nico, seguindo ao vello, chegaron a unha villa de estilo romano que estaba como unha illa nun mar de cinza. Ao seu redor medraban árbores e herba, e preto había unha fraga pola que parecía correr un río. Alí foron acollidos e foron acomodados por unha serventa nunhas habitacións que parecían celas monacais, cada un na súa. Nico e Helena falaron pouco, cansos como estaban. O Ancián os deixara na porta e seguira o seu camiño: "Mañán veredes ao Mestre... el vos guiará a partires dagora na vosa agogé".
Samuel chegou de madrugada, e foi acollido pola mesma serventa e acomodado nunha cela ao lado dos seus amigos. Ao despertar á mañán seguinte (fóra aínda estaba escuro, pero aínda así os espertaron) Helena e Nico aledáronse de ver a Samuel, pero deron poucas mostras, non fora que se lles subiran os fumes.

Os tres almorzaron coma reis nas cociñas da villa, atendidos por un mordomo e varias cociñeiras moi laretas e simpáticas. Todos vestían peplos coma se estiveran no tempo dos césares.
Despois do almorzo o mordomo levóunos á area. Era un patio interior rectangular de terra batida que parecía moi branda (para caer e non mancarse, supuxeron). Nos lados longos había armas colocadas en soportes, todas de madeira. No medio do patio había un home alto, moi robusto. Tiña o pelo moi curto e unha barba descoidada. Mirou aos tres e presentouse como "O Mestre". Permitíu que lle fixeran varias preguntas. Explicou que ese día sería o día do seu adestramento. Todo o que podía ensinarlles o metería nese día. Esa mañán adestrarían o corpo. Despois do xantar adestrarían a mente. Á noite adestrarían o espírito.

O adestramento físico comezou con carreiras, saltos, obstáculos a superar, todo no exterior da villa... a súa roupa de liño era perfecta para eses movementos. Estiveron varias horas, pero o sol aínda non chegara ao cénit. Case a mediodía o Mestre levóunos á area para adestrar combate armado. Deulles todo tipo de armas para elexir.


Samuel decantóuse por unha gladius de madeira que alí había. A usaría xunto cun escudo broquel.

Helena elexíu un boken, unha réplica en madeira dunha katana xaponesa.

Pola súa parte, Nico víase moi incómodo con armas, e
preferíu loitar sen elas.

Durante horas entrenaron, e durante horas comprobaron cómo a súa técnica melloraba: Helena era quen de provocar inmesons destrozos co poder da súa voz e dos movementos do seu boken... Samuel movíase a velocidades sobrehumanas, e Nico atacaba coma se tivera gadoupas e inmesos dentes cairos.

Durante toda a mañán (que a eles lle pareceu un día enteiro) centráronse no aspecto físico. Cando o Mestre o considerou oportuno, e despois dunha sesión na que puido percibir un gran potencial nestes tres alumnos, permitíu que fosen a se asear e xantar.

O xantar, na cociña da villa coas cociñeiras falangueiras, foi completo e moi saborento: restituíulles as forzas todas.
O serán foi máis parado. O Mestre levounos a unha vasta biblioteca chea de pergameus, incunábeis, rolos de coiro con runas escritas... Tiñan varias horas para buscar a información que considerasen oportuno sobre o seu destino, e logo o Mestre lles faría unha especie de exame.

Gracias a todos os libros que alí había conseguiron acabar unindo a información que tiñan. Eran, en efecto, fillos do Derkesthai. Había máis, pero polo que se podía observar só eles foran levados ao Outro Lado. Da posible "nai" non se dicía nada, e non se explicaba cómo fora quen o Derkesthai de crear el só os ovos da súa descendencia.
Descubriron que o mundo deste lado era moi grande, con outras cidades perto da Compostela Oculta, e que o Derkesthai vivía na cidade capital, chamada Midian. Os seus seguidores, sete en total, residían noutras cidades... cidades que o Derkesthai tomaba pola forza.

Despois de varias horas de estudio (pareceulles un día enteiro), o Mestre fíxolles unha serie curta de preguntas. Todos superaron esa proba, e pasaron ao adestramento espiritual. Era xa perto das 8 ou nove da noite.

O Mestre levóunos á fervenza que había na fraga onde estiveran correndo pola mañán. Era unha fervenza moi femosa, a auga caía dende uns cinco ou seis metros, e o río tiña moi pouco calado. O Mestre díxolles que foran meditar ao río, e marchou.
Nico meteuse na auga e sentou sobre unha rocha coas pernas coma un indio baixo a auga fría, coa auga á altura do peito. Os outros dubidaron un intre, pelo logo fixeron o mesmo.
Durante moito rato estiveron alí, escoitando só o doce son da auga correndo polas pedras, batendo contra a superficie e contra os seus corpos. Logo entraron nun trance, unha realidade introspectiva asulagounos e víronse como realmente eran.
Ás doce da noite Nico ergueuse da auga e saíu de debaixo da fervenza. Era un dragón de case dous metros e medio. Camiñaba en dirección á beira do río e víase reflectido na auga. Era un dragón e batíu as ás para secalas. As súas gadoupas eran temíbeis e o seu aspecto fero. O corazón de Nico só podía repetir "sabíao... sabíao".
Helena era un corvo negro como a noite, que saíu voando de debaixo da auga. Pousou nunha póla perto de Nico e víronse, e recoñecéronse. Esas eran as súas formas reais, ou alomenos iso comezaban a lembrar.
Samuel era el mesmo, pero non o era. Sabía que algo cambiara no seu interior. Tiña menos dúbidas e, ao mesmo tempo, máis. Non tiña xa medo, pero estaba aterrado.

O Mestre achegouse á beira do río e felicitounos. Agora xa estaban listos. O seguinte paso era perigoso: os ovos dos que naceran debían ser recuperados. No seu interior conservaban a "impronta". Por medio da alquimia poderían crear un filtro con esa "impronta" e recuperar moitas das lembranzas perdidas, e coñecer mellor as súas capacidades e poderes.
A Nico regaloulle un cinto moi simple, de coiro e aceiro. A Samuel un xogo de broquel e gladius, moi lixeiros e manexables. A Helena regaloulle unha katana de perfecta factura. Sen máis, despedíunos.

Os tres retomaron o camiño de volta, que era longo e pesado. Pronto o cansazo do día puido con eles, e ían andando coma zombis, cos ollos pechados e dando pasos case por inercia. Comezaron a escoitar os seus corazóns latexando: pum-pum, pum-pum, pum-pum.

Era un sonido envolvente, case como unha nana: pum-pum, pum-pum.
Pum-pum
pum-pum
pum-pum

tick-tack
tick-tack
tick-tack

Comezaron a abri-los ollos. Os latexos foran substituídos por un sonido parecido ao accionamento dun interruptor... tick-tack... tick-tack.
Estaban dentro do coche que alugaran para chegar a Axeitos. O coche estaba detido nunha área de servizo, coa dobre intermitancia posta... tick-tack. De conductor estaba Samuel, Helena de copliloto e Nico detrás. Todos levaban a roupa que levaban o día que desapareceran. Toda a roupa de liño e as sandalias eran agora trekkers, vaqueiros e anoraks.
Preguntaron na área de servizo: era venres de madrugada... só estiveran unha poucas horas fóra. Retomaron camiño de Compostela co medo no corpo. Foi un soño? Foi real? Qué fai Nico aquí se el non veu con nós? E estas espadas, este ecudo e este cinto qué fan no maleteiro?

Entregaron o coche e, sen falar moito, voltaron ao piso de Cinco Calles.
A durmir e, ogallá, non soñar.

lunes, 12 de noviembre de 2007

Purificación

Nicolás e Helena entraron seguros de si mesmos polo camiño. Polo que lles contara o falcón antes de partir, unha moza de pelo vermello (Kat?) entrara por ese mesmo camiño, pero facíase chamar a Raíña dos Gatos.

O camiño era escarpado, arrodeado de maleza, xestas e silvas. Altas árbores cheas de enredadeiras impedían a entrada da luz do sol, facendo que unha bretemosa escuridade o asulagase todo. Avanzaban paseniño, pero esperanzados. Nico detívose un intre, xa para descansar un chisco, xa para saca-lo tema de Samuel: tiñan que voltar a por el. Comezaron a falar sobre a posibilidade de ir a por el e tentar convencelo, pero quedou desestimada a idea: Samuel era adulto e fixera a súa elección; se non quería ir canda eles era o seu problema.


De súpeto Helena tivo un deses "pálpitos": alguén viña detrás deles. Díxollo a Nico, que sacou a espada e comezou a andar cara un lado do camiño. Helena iría de fronte, e así o tomarían por dous lados.
A rapaza avanzou e "sentíu" unha presenza un pouco máis adiante, tras dun tronco seco tumbado: quen os viñera seguindo estaba alí. Avanzou para ter ángulo e a quen víu alí sentado foi a Samuel. Samuel fora quen os viñera seguindo. "Outra vez seguíndome?" dixo Helena. Pero un berro os puxo en alerta.
Nico fora en dirección á presenza que Helena presentira, pero non polo camiño, senon pola maleza. A cada paso que daba sentíase raro, até que se decatou de que non sabía por onde viñera. Comezou a escoitar ruidos ao redor, como de algo que se arrastrara polo chan cuberto de follas secas. De súpeto comezaron a xurdir mans e brazos putrefactos do chan que comezaron a agarralo das pernas e a gabear por el.

Do chan comezaron a saír corpos putrefactos de xentes ás que un aterrorizado Nico podía poñer nome: eran amigos e clientes que durante o seu tempo como "pasante" de drogas nalgún momento lle compraran material. Eran xente que, por causa directa ou indirecta, Nico envelenara coas substancias que lles vendía. Era xente que, por causa directa ou indirecta, Nico podía ter matado. O seu berro fixo acudir a Helena, que ao chegar víu como os brazos de carne podre desaparecían baixo a terra de novo mentres un Nico morto co medo repartía golpes a destra e sinistra. Helena conseguíu calmalo, mentres Samuel os miraba na distancia sen participar.
Helena conseguíu tirar por Nico para que andivera, e o levou de novo cara o camiño. Pouco a pouco colleron un ritmo lento de paso, coa pobre rapaza sostendo a un derrotado Nico que non podía parar de chorar.

Samuel quedou atrás mirando para eles. Non se fiaba nin de Nico (mentirán, por dicir que estaba envelenado e, polo visto, non estalo en absoluto) nin de Helena (que dixera que ía ao Arrabal e logo case a pilla indo a casa de Gastón o Gato, de quen tampouco se fiaba). Só e mantendo a distancia cos outros dous, comezou a fixarse nas lindes do camiño, por se era caso. Foi daquela cando as herbas e prantas, pólas e follas comezaron a formar imaxes estranas na mente de Samuel. Víu dúas figuras falando. Non as recoñeceu ao principio. Falaban de alguén. De que estaban mellor sen el, que era toda unha comodidade ter tanto espazo e tempo libre. Que era unha carga e que fixeran ben en mandalo fóra a "estudar " e "ver mundo", porque así puideron disfrutar moito máis antes da xubilación. Samuel víu que os que falaban eran os seus pais. Estaban nunha casa, parecía a casa de Madrid... e parecía moi real. Os seus pais non tiñan especial aprecio por el. Agora comezaba a casar fíos... o mandaran a estudar fóra moi novo, e logo a traballar a medio mundo. Nunca fixeran presión para que quedara na casa con eles, sempre foi un "non, non; vai e aprende moito, meu fillo". Era incrible. Non tiña irmáns: cecáis daquela podería entender que houbera un "preferido", pero é que os seus pais o que preferían era estar sin el, sin o seu único fillo. Samuel pensou daquela no que fora o seu mestre, o seu mentor na rede de redes; aquel que lle ensinara case todo o que sabía: THUN3R. Pero cando THUND3R lle pedira, días atrás, que lle contestara a unha pregunta ("estás preparado para subir de nivel e coñecer secretos maiores dos que imaxinas?") Samuel o tomara como un insulto persoal e unha falta de confianza e cortara toda comunicación con el. Agora non tiña nin aos seus pais nin ao seu mestre. Estaba só. E foi entón cando un enorme sentimento de illamento o invadíu, e outro de piedade cos dous pobres rapaces que tiña diante caeu sobor del como unha lousa de pedra.

Helena, pouco a pouco, foi deixando que Nico caminara só. Quería botar unha carreiriña de can cara adiante no camiño para poder ver até onde chegaba. Deixou a Nico e avanzou con paso presto, preguntándose se nalgún momento darían con Kat. Varias decenas de metros despois víu, a un lado do camiño, unha pequena masa de auga estancada. Era demasiado pequena para ser unha lagoa e demasiado grande para ser un charco. Así que lle puxo a etiqueta de "estanque". Na súa calma superficie víu media casca de noz flotando como un barquiño, deixando un fino ronsel en dirección a un dos bordes do estanque. Entón entrou nunha estrana ensoñación, na que a pequena casca era unha dorna no medio dun mar calmo, á noite. Nela ían un home de abrigo longo cos dentes de pedra e un vello ao que non recoñeceu. O home do abrigo longo tiraba ao outro ao mar, e logo tamén guindaba unha mochila que contiña algo así coma un enorme ovo de cor amarelo cuberto dun material verde e viscoso parecido a mocos. A mochila foi á deriva, até que un pesqueiro a recolleu por casualidade nas súas redes. Un home vestido de abrigo mariñeiro e gorro de lá (o pai de Helena) abría a mochila e quedaba abraiado polo contido.
Nico púxolle a man no ombreiro a Helena. "Que? Viches algo?". Helena acordou de novo: "nada, o camiño segue e segue". Avanzou cara o estanque e recolleu a casca, gardándoa nun peto.

Horas despois conseguiron saír do bosque, pero o novo panorama non era mellor. Ante eles tan só vían o camiño que continuaba coma se fose unha cicatriz atravesando unha enorme planicie de cinza negra e gris. Nada máis alto que unha herba escura nacía dese chan, e eles víanse obrigados por algo a continuar.
Case dez días despois da elección de Camiños, sen alimentos, derrotados, coa roupa esnaquizada, sen folgos para dar un paso máis, caeron diante dunha estrana estructura: unha casa de madeira pintada de branco, con tellado a dúas augas de cor vermello... unha casa que estaba como a dous metros flotando no aire. Unhas destartaladas escaleiras de madeira conducían dende o chan á porta de entrada. Os tres non a viron até que a tiñan case enriba. A porta abríuse, e unha fermosa moza vestida só cun peplos branco saíu ao exterior cun radiante sorriso. Cando Nico e Helena a viron recoñeceron de inmediato a... Isis! A moza que rescataran da rúa, a que tivera un trozo do Espello Éidolon no ventre (por iso o alcume de Canope)... a mesma que desaparecera do hospital días atrás!
Sen folgos para falar, protestar ou mesmo sorrir, un a un foron recollidos pola pequena Isis, que só con tocalos era quen de facer que recuperaran algo de alento e entraran na casa. A entrada daba directamente a un pequeno salón no que había unha mesa ampla chea de comida e bebida, unha lareira e un par de mobles.
Isis ofrecéulles comida variada e estes comeron como caimáns. Namentres foi a outra estancia, onde dixo estar preparando un baño. Comeron até quedar fartos e logo Isis convidounos a tomar un baño. Nico e Helena foron de cabeza, espíronse a toda velaocidade e metéronse cada un nunha das enormes bañeiras de porcelá que Isis enchera de auga quente e esencias aromáticas. Samuel non quixo bañarse. Tampouco se fiaba daquela muller.

Nico e Helena viron como todas as impurezas, o cansazo, os males, os pecados e as penas esvaecíanse e tan só quedaba a inocencia. Con esa inocencia saíron do baño, espidos pero despreocupados coma se nenos fosen. Depois de se secar puxeron unhas cómodas túnicas de liño para tomar un té xunto con Isis e Samuel.

Isis díxolles que chegaran moi lonxe xa, pero que esta non era máis que unha das Grandes Decisións que estaban por vir. Dende aquela, a Maxia viviría con eles.
Isis díxolles que coñecía o pasado, e que podería contestar a calquera pregunta sobre el da que coñecera a resposta.
Helena e Nico comezaron a bombardeala con preguntas, e ao final foron quen de xuntar certa información que lles foi moi difícil asumir.
Hai centos de anos aparecera un ser cheo da areté, a nobleza como para traer a paz a todos os Mundos Posibles. Ese ser, coñecido máis tarde co nome de Derkesthai, e logo co alcume de O Inimigo, vendo o inmenso poder co que contaba, decidíu reunir a un grupo de fieis seguidores e renegar do seu destino. Asulagou o Mundo Oculto coas cinzas do odio e a guerra, e todo aquel lugar quedou á súa mercede. Poucos eran quen de se enfrontar a el, e os poucos lugares que resistían o facían polo seu capricho ou a súa carencia de interese neles.

Anos atrás, o Derkesthai decidira ter descendencia, co gallo de facerse cuns achegados fieis e de mans dereitas apropiadas para unha posible sucesión. Producíu, non se sabe cómo, unha serie de ovos dos que nacerían eses sucesores. Pero Isis, xunto con outros catro conspiradores, roubaran varios deses ovos e os repartiran para que o Inimigo non os atopara. Eses catro conspiradores resultaron ser Asunción, Ismael, Anastasia e o ser do abrigo longo e dentes de pedra, ao que coñecían co nome de Gargoyle. Fuxiran cos ovos ao Outro Lado pero, por algunha razón, o cenáculo dos conspiradores rompera e mesmo un deles (Gargoyle) traizoara ao resto. Por iso Isis estaba sendo atacada na discoteca cando fora rescatada por Helena, Kat e, sobre todo, por Nico. E por iso acabaran todos eles en Cinco Calles, porque era o seu fado voltar dalgún xeito a este Mundo a encarar o seu destino.

Podía ser? A visión de Helena do barco... as alucinacións de Nico ao verse como un dragón, as estranas habilidades que amosaran ao enfrontarse aos homes de serrín de Fonseca... eran, en realidade, fillos do Derkesthai?!?

Cando xa non tiñan máis preguntas e o cansazo podía con eles, Isis convidóunos a que foran cada un para a súa cama. Deitounos e desexóulles descanso e bos soños.
Cada un soñou o mesmo, un soño moi raro.
Nico era un dragón humanoide, ou un humano draconil. Coas súas potentes pero finas gadoupas collía a taza de té que Isis lle tendía. Esta preguntáballe: "Agora que sabes a verdade... continuarás ou preferirías dar volta?". Nico respostou sen medo: "Continúo".
Helena era un paxaro de cor negra, que se pousaba na cadeira ante a mesiña de Isis. Cun chiscar de ollos recuperou a súa forma, e colleu a taza de té que Isis lle daba. Esta dixo: "Agora que sabes a verdade... continuarás ou preferirías dar volta?". Helena respostou sen dubidar: "Continúo".
Samuel era invisible, pero non o era... partes do seu corpo se volvían transparentes e podía ver ao seu través. Isis tendéulle una taza de té e preuntoulle: "Agora que sabes a verdade... continuarás ou preferirías dar volta?". Samuel dubidou... "A verdade é que agora que estamos sós aquí teño unhas preguntas que che facer". Isis quedou estranada: "Antes, cando era o momento das preguntas, non as fixeches... agora esa oportunidade está perdida... continuarás ou darás volta?".
"Primeiro quero que me contestes unhas preguntas", dixo Samuel. "Agora xa non é tempo de preguntas para ti, só de respostas: continuarás ou preferirías dar volta?"...
"Primeiro quero que me contestes unhas preguntas", insistíu Samuel. "Agora xa non é tempo de preguntas para ti, só de respostas: continuarás ou preferirías dar volta?"...
"Primeiro quero que me contestes unhas preguntas", dixo Samuel. "Agora xa non é tempo de preguntas para ti, só de respostas: continuarás ou preferirías dar volta?"...
"Primeiro quero que me contestes unhas preguntas", insistíu Samuel. "Agora xa non é tempo de preguntas para ti, só de respostas: continuarás ou preferirías dar volta?"...
Cando Helena e Nico acordaron Samuel aínda durmía, e non espertou cando chamaron por el. Isis díxolles que aínda non decidira o seu camiño, pero que eles tiñan que almorzar axiña, xa que o Ancián viría a por eles para levalos xunto ao Mestre que os conduciría pola súa agogé, o seu crecemento interior para entender o que eran, para coñecerse.
Cando o Ancián chegou viron que era un home encarapuchado con pinta de ser moi vello (pero non lle viron a cara, só unha mesta barba branca saíndo de debaixo da carapucha), cuberto cun pesado hábito, que se suxeitaba á vida por medio dun báculo e que tiña un pesado libro baixo o brazo (o Libro dos Nomes, onde tamén estarían os verdadeiros nomes dos fillos do Derkesthai).
Almorzaron e despedíronse de Isis e do durminte Samuel. Isis déralles uns cómodos traxes de liño branco (camisa, pantalón e roupa interior) e unhas sandalias. Amais diso unha mochila tan só con comida, así como un pao de camiñante.

Isis despedíunos dende a porta até que se volveron tan só puntiños ao lonxe naquela vasta planicie cincenta. Nico e Helena seguían ao vello cara algures, cegamente, deixándose levar só pola Fe que tiñan depositada en si mesmos e en que todo sairía ben.

domingo, 11 de noviembre de 2007

A Encrucillada

Nico espertou nunha habitación descoñecida. Estaba tumbado nunha cama de armazón de madeira, sobre un colchón de lá moi cómodo. Estaba case espido e empapado en suor. A habitación era de pedra... á dereita estaba a porta, de madeira simple; á esquerda había unha pequena lareira acesa; sobor del, na parede onde o cabeceiro da cama repousaba, unha cruz potenzada de madeira negra era o único adorno. Na parede que tiña fronte os pés abríase ao oscuro día unha fiestra de madeira. O día era como os que levaban vivindo neste mundo estrano: escuro, frío... arrepiante.
De súpeto un corvo negro se pousou no peitoril. "Humm, bonitos ollos" lambeouse mirando para Nico. Tentou moverse, pero unha dor xeralizada como de maniotas por todo o corpo dificultáballe o movemento. O rapaz podía escoitar ao animal, aínda que este non pronunciaba palabra algunha. "Eh, que aínda non estou morto", queixouse, "Quen es ti e que buscas" dixo estirándose para coller unha das súas botas. "Veño de parte do meu Señor, quizáis poidades chegar a un acordo, pois o meu Señor quérevos axudar". Nico non sabía a qué "Señor" se refería. A porta abriuse de golpe e o paxaro saíu voando a todo meter. Quen entraba era unha despistada muller-gato vestida como de servinte, que traía algo de comer para o rapaz. Nico pideu que viñera o Licenciado que, ao pouco, apareceu pola porta. Nico contoulle o do corvo, e o Licenciado alterouse. Había seres vendidos ao Inimigo, ao Derkesthai, que de seguro os buscarían por ser novos na cidade; buscando que se posicionaran.
O Licenciado botoulle un ollo, e víu que Nico estaba recuperado: xa podía voltar á taberna cos amigos. Deulle unha mochila con provisións e dous frascos cheos dun líquido ambarino, que lle dixo eran un calmante para o ardor de estómago. Puxo a roupa e saíu ao patio.
Alí víu a Gastón, co que falou da proposta que lles fixera a Helena e Samuel de ir á illa a buscar madeira. Nico comprometeuse a convencer aos seus dous amigos a cambio de información e algo máis. Os dous chegaron a un acordo. Gastón pideulle a un dos seus máis novos axudantes, un espadachín chamado Gabriel, que escoltara a Nico á taberna "Quita-penas".
De camiño foron falando, comentando Gabriel que Gastón era un gran xefe, que era quen devolvera o orgullo aos Gatos da cidade, e que agora mesmo o Rei García tiña que escoitalos. Falaron sobre a recollida de madeira, unha actividade arriscada pero necesaria para o comercio, sobre todo para os acibecheiros. Antes de chegar á taberna, mercou flores para Nieve, coa que se desculpou tan pronto entrou pola porta ante a mirada atónita de Helena e Samuel, que estaban xantando cos dous estibadores do porto que, ao ver entrar a Nico, fuxiron da mesa.
Nico explicoulles aos seus amigos, deixando a Gabriel tomando algo na barra e falando con Nieve, que Gastón o envelenara, e que os dous frascos que lle deran eran o antídoto temporal para el, Cando se lle acabara o líquido, morrería. Samuel e Helena non se fiaban, posto que o vían moi tranquilo, pero Nico insistía.
Mentres falaban dous homes, vestidos con túnicas de fraile moi escuras e báculos na man entraron en silencio e colocaron un pequeno cartel na parede dos anuncios da tabern. Nico achegouse e leu que a tenda do señor Cetro acababa de abrir no Arrabal da Pedra, e que era experto en obxectos raros, artefactos e espellos.
Samuel e Helena, xa sen Nico diante, comezaron a falar. Helena quería ir a falar con Gastón e pedirlle explicacións sobre o falso veleno de Nico, e máis sobre o da viaxe á illa. Samuel negouse, non quería ir. Ao final Helena ergueuse e pideulle a Nieve a espada que deixara alí gardada, e algo ara se cubrir. Nieve deulle unha capa.
Nico tiña que ir ao apotecario e Helena decideu ir ao Arrabal da Pedra (aínda que Nieve lle dixo que era moi perigoso). Samuel dixo que quedaba na taberna.

Nico e Helena separáronse ante a tenda dos Apotecarios, e Helena desexoulle sorte, seguindo o seu camiño. Nico entrou e alí estaban os irmáns Brezal. Para pasar a proba pidéronlle a Nico unha apócema contra a petrificación. Nico quedou en branco e bastante sorprendido. Déronlle de tempo unha hora.

Helena case chegara á praza do Mercado vía a Rúa do Pregón cando sentíu uns pasos tras dela... a centos de metros. Tiña o presentimento de que alguén a seguía, e mesmo era quen de ve-los seus pasos. Unha percepción moi forte, case real. O seu perseguidor tivo tamén a sensación de que era observado. Helena non foi en dirección ao Arrabal, e continuou andando en dirección á casa de Gastón, só para emboscar ao seu perseguidor. Cubríuse detrás dunha esquina e, cando sentíu a presencia moi preto, saíulle os paso: era Samuel. Discutiron un intre, e Helena seguíu o seu camiño cara a tenda do Señor Cetro, no Arrabal.
Baixaron pola rúa das Casas dos Reis, cheas de escudos nobiliarios e de servintes engalanados. Tamén viron un par de soldados vestidos de vermello e branco, armados con espadas, escudos e lanzas. Ao pasar miraron cara os mozos con sospeita, pero estes pasaron disimuladamente e os gardas non os seguiron. Chegaron á beira dos muros (onde calculaban era a Porta do Camiño no Outro Lado... o seu lado) e viron unha inmensa muralla que ascendía cara o que supuñan era As Rodas, e continuaba cara a dereita en dirección Virxe da Cerca. A porta estaba vixiada por varias gardas, e a xente que a cruzaba era de aspecto moi diverso. Os dous mozos cruzaron sen máis para non chamar a atención dos gardas, e entraron no Arrabal da Pedra.

Nico tiña diante non menos de 100 variedades diferentes de elementos alquímicos, e non tiña nin idea de qué facer con eles. "Apócema contra a petrificación... estes deben de estar de carallada". Pero ao pouco comezou a fiar ideas. "... Para evitar a petrificación hai que se mover, é dicir, algo que teña estimulantes... e se collo un chisco disto e outro daquilo...".

O Arrabal non tiña nada que ver co resto de Compostela. Contruído extramuros, non tiña defensas, nin gardas a primeira vista. Estaba escuro e o chan, húmido, facía que todo parecera moi suxo. Xentes de ollar perigoso camiñaban entre as casas e as tabernas. Uns vellos indicáronlle a Samuel e Helena o camiño a seguir cara a tenda do Señor Cetro. Era unha torre baixa, redonda, con varios banos e unha rexa porta de madeira. Entraron e viron un montón de obxectos de todo tipo e condición: armas, caixas, libros, roupas, lenzos. Preguntaron ao pequeneiro home vestido de hábito que atendía o local se podían falar de "espellos para ir ao outro lado". O home non se alterou, pero lles aclarou que iso era ilegal por orde do excelso rei García. Se podían pasar máis tarde cecáis puideran facer negocio. Pero seguiron insistindo. Helena non entendía o da espera, e seguíu presionando ao pobre home que, sen paciencia, chamou a outro home de hábito, unha enorme masa de músculo que facía as veces de "vixiante xurado". Pedíulles un par de veces que saísen. Helena saíu pero Samuel encarouse. Non miraba para el con ameaza na súa cara, só miraba sen transmitir nada. Pero o home non estaba para lerios e á terceira perdeu a compostura e agarrou a Samuel e o lanzou polo aire cara a rúa. O impacto fixo que ferise as mans. Aínda así se ergueu e voltou a colocarse baixo a porta con esa mirada clavada no vixiante. Este sorríu e pechou a porta cun rápido movemento. Samuel apartouse a tempo, ou tería tragado media porta co impacto. Ao final decidiron voltar á taberna en vista do éxito obtido.
De camiño, xa dentro da cidade mentres paseaban polas Casas dos Reis, dous soldados detivéronos e pedíronlle algún tipo de acreditación. Como non tiñan os documentos que, ao parecer, eran propios de levar por todo compostelán, foron conducidos cara a sá de xustiza.

Nico acabara a proba antes de tempo, e cun éxito rotundo. Os dous irmásn Brezal estaban moi contentos co resultado, e auguraban para Nico unha feliz vida na semiesclavitude do seu negocio. Nico forzou o sorriso e saíu ao exterior. No medio da praza había dous soldados vestidos de negro con cruces vermellas no peito: xentes de Fonseca. Ao velo foron cara el, pero este volveu a entrar na tenda dos apotecarios. "Que foi rapaz?" preguntáronlle. "Penso que hai aí fóra xente a me seguir" respostou. "Nah, tranquilo.", e tiraron dunha longa cadea de ferro que se introducía na parede, preto do teito; "temos alarma integrada" sorriron. De alí a pouco chegaron catro soldados deses que iban de vermello e branco, preguntando cal era o problema. Mentres falaban, o que era o capitán pideulle a Nico as credenciais e este, para disimular, dixo que as tiña na taberna. Custodiárono até alí, pero ao ver que alí tampouco estaban o capitán perdeu a paciencia amenazándoo a el, e mesmo a Nieve.

Diante do grande templo entre a brétema (que eles crían que era a catedral) reuníronse de novo Samuel, Helena e Nico, baixo a custodia de varios dos gardas de García.
Foron xulgados por tres vellos nun xulgado tétrico e enorme e, sen capcidade para se defender polo dictatorial do asunto, foron exilidaods durante sete días da cidade como escarmento. Logo poderían pedir a documentación que precisasen e ser considerados cidadáns.
De malos modos foron expulsados da sala e conducidos, a petición propia, cara a taberna "Quita-penas". Alí Helena lle deixou unha mensaxe sobre o ocorrido a Gastón. A escondidas Nieve pasoulle a Samuel un coitelo de monte, xa que era o único desarmado.
Unha vez na porta onda a mámoa, os gardas lles entregaron unha mochila con alimentos e unha pequenas barras transparentes que ao tocalas brillaban... poderían servir como lanternas. A Helena e a Nico lles devolveron as espadas e os puxeron a andar en dirección este.
Xurando e maldicindo, os tres (sobre todo Nico) camiñaron sen parar até que deron cunha colina apropiada para descansar. A colina tiña catro árbores moi vellas, e entre elas deixaron caer as cousas e se tumbaron. Agás Nico, que colleu a súa espada e comezou a golpear unha das árbores maldicindo e toleando.
Para sorpresa (ou non) de todos, a árbore comezou a se queixar, e a pedirlle a Nico que parara. Comezou entón un debate sobre a idoneidade de golpear á xente se estás enfadado. Ao final, e vendo que eran viaxeiros de moi lonxe, as catro árbores dixéronlles que tiñan que seguir, sen descansar, até chegar á fin do camiño. Os tres estaban cansos, pero fiaron na palabras das árbores e continuaron.
Moito tempo despois (horas ou días, non saberían dicir), chegaron a unha encrucillada. Unha vella árbore, un carballo case seco, dividía o camiño en dous. O camiño do lado esquerdo era terrible: cheo de silvas, con árbores derribados no medio e medio e ollos brillantes observándoos na escuridade. Daba medo só de miralo. O camiño da dereita era adoquinado, facendo unhas lixeiras "dúas augas" como as vías romanas. As pedras estaban perfectamente ensambladas. Era todo luz, con árbores dando sombra ao camiñante. Había un carro de madeira cun cabalo preparado, pero sen conductor.
Se súpeto, no medio da árbore que separaba os dous camiños, apareceu cun lóstrego un falcón. Era lixeiramente máis grande do normal, e tiña un bonito debuxo na plumaxe. Mirou para eles e lles dixo "Benvidos á fin. Estades na Encrucillada, e ante a vosa primeira Gran Decisión".
"Á vosa esquerda tedes o Camiño das Verdades que Firen... se seguides este camiño descubriredes quen sodes e qué facedes aquí. Descubriredes a Maxia. Non será doado, pero será a verdade".
"Á vosa dereita tedes o Camiño das Mentiras Piadosas... se seguides este camiño voltaredes ao voso fogar, en paz, podendo dar lóxica explicación a canto vos arrodee".

Logo, o falcón desapareceu con outro lóstrego. Nico e Helena se miraron: o tiñan claro. A dúbida era Samuel. Este decidíu quedar alí pensando. Tiña que meditar esa gran decisión.

Helena e Nico despedíronse del, e se meteron de cheo no Camiño das Verdades que Firen.

jueves, 1 de noviembre de 2007

Obediencia

Señor e vasalo estaban sentados no soto da torre. Era unha sala circular, con muro de pedra. Unha grosa porta de medio punto estaba pechada ás costas do Vasalo. Banos case á altura do teito deixaban entrar certa claridade dende a rúa. A friaxe subterránea facía tremer ao Vasalo, pero o Señor parecía a gusto. O chan de terra, húmido e musgoso, facía daquel lugar un sitio incómodo para calquera. O Vasalo vestía de negro, cunha máscara lisa de prata e acibeche no rostro. O Señor levaba unha pesada e raída túnica que algún día fora negra como única vestidura. Do seu pescozo colgaba un talismán parecido a un cazasoños. A súa cabeza estaba descuberta; o seu longo e liso pelo negro xurdía cara atrás dende unhas marcadas entradas na súa testa. Baixo esta, a súa face era inexpresiva, como a dunha estatua. A súa pel era dun ton entre branco e azul eléctrico. O seu rostro, liso e duro, coas faccións moi finas aínda así. Os seus ollos estaban agochados baixo a sombra escura das súas cellas, pero parecían ser de cor branca... se iso era posible. O peor era a carencia de expresión do rostro... qué pensamentos cruzaban esa mente?
O Vasalo non acougaba tranquilo na cadeira de carballo. A pesar da comodidade da súa factura, a excelente colocación dos coxíns na estructura e a perfecta adaptación a calquera que sentara nesa cadeira, o Vasalo non era capaz de estar cómodo naquel soto húmido na presenza do seu Señor. Levaban varios minutos envoltos nun incómodo silencio, e o balbordo da rúa entraba dende o lonxe polo banos.
"Así que xa están na cidade", dixo o Señor ocupando todo o soto coa súa profunda voz.
"En efecto, meu Señor", respostou cun lixeiro tatexo o Vasalo.
"Ben... agardemos que saiban escoller a quen poden recurrir", dixo o Señor colocando os cóbados na mesa de madeira escura que os separaba e xuntando os dedos nun xesto reflexivo.
"Se non saben..." respostou o Vasalo "... farei porque saiban".
O Señor sorríu lenemente e o Vasalo ergueuse, saudou con respecto e se encamiñou cara a porta para cumprir as tácitas ordes.

Sempre por obediencia.